Preto de 180 persoas participan ata o 12 de maio no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Integrantes de 8 colectivos da provincia participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. En total,dende hoxe e ata o venres, preto de 180 persoas dos concellos de Sarria, Taboada, Lugo, Baleira, Foz e Riotorto visitarán o patrimonio natural e cultural das comarcas da Mariña, a Ribeira Sacra, a Montaña e a Terra Chá. A iniciativa, que vai pola súa terceira edición, é gratuíta e está destinada a colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade. 

O estudantado do colexio da Asunción, de Sarria, e a Asociación de Mulleres Rurais Landra, de Taboada, foron as primeiras entidades en viaxar esta semana. Os sarriaos fixeron hoxe a primeira parada na Granxa Gayoso Castro, onde coñeceron o traballo da institución provincial neste centro de apoio ao sector gandeiro, mentres que os de Taboada achegáronse ao Pazo de San Marcos. Posteriormente, ambas entidades coñeceron os concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol.

Mañá mércores será a quenda da Asociación de Veciños Las Campas de Galegos, de Lugo, e da Asociación Veciñal de Santa María de Xián, de Taboada. O colectivo lucense visitará a Produtora de Audiovisuais da institución provincial e posteriormente percorrerá o concello de Cervo, onde coñecerá a fábrica de Sargadelos e a vila de San Cibrao. A entidade taboadesa visitará o Mazo de Santa Comba, de titularidade da Deputación, e o municipio de Sober, cun percorrido pola súa riqueza natural, patrimonial e gastronómica. 

Xa o xoves o estudantado do Colexio Público do Cádavo achegarase á Produtora de Audiovisuais e posteriormente visitará os concellos de Xermade e Muras, con paradas na antiga Escola Habaneira e o parque eólico de Sotavento. Tamén esta xornada, a Asociación do Barrio de Paradai, de Lugo, achegarase a Xove e Viveiro tras visitar a Granxa Gayoso Castro.

O venres será a quenda da Asociación Cívico Cultural Santa Cecilia, de Foz, e do Club Cruceiro de Meilán, de Riotorto. Os focenses visitarán as instalacións do Pazo de San Marcos e, posteriormente, visitarán na Montaña os concellos de Cervantes e Navia de Suarna. No caso do colectivo de Riotorto, primeiro achegaranse ao Mazo de Santa Combae continuarán a súa visita en Sober, onde pararán nunha bodega ou descubrirán a artesanía de Gundivós.