Preto de 800 ximnastas se darán cita os días 26 e 27 de marzo en Ribadeo nos torneos de ximnasia rítmica que organiza a Escola Porta Norte.

Preto de 800 ximnastas se darán cita esta fin de semana en Ribadeo. O sábado celébrase o 4º Torneo Interescuelas Fase Norte de Ximnasia Rítmica e o domingo terá lugar o XXV Aniversario do Torneo Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica. Os eventos deportivos foron presentados este mediodía no salón de plenos do Concello polo alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, Nelly Bouso da Escola Porta Norte, que é o club organizador, e Iván López, técnico de Deportes.  

Nelly Bouso contou que “o sábado celebramos o 25 aniversario do Torneo do Concello de Ribadeo de Ximnasia Rítmica. Este ano é unha edición especial porque xa que son 25 anos non quixemos deixar de organizalo a pesar das circunstancias porque queríamos celebrar coas nosas compañeiras que levan estes 25 anos vindo. Seguir celebrando isto, que para nosoutros é unha festa da ximnasia rítmica, de feito é unha edición non competitiva e todas as ximnastas van levar o seu regalo por vir e participar. Veremos ximnastas dos niveis escolar, promoción, prebase e temos a participación especial das ximnastas da provincia de Lugo do nivel base que compiten a nivel nacional e nos representan no campionato de España. E o domingo celebramos a fase norte do Cuarto Torneo Interescuelas, no que participan clubs de Lugo e Coruña, onde disputamos quedar nas primeiras prazas de cada categoría para poder posteriormente participar na fase final conxuntamente coas ximnastas clasificadas na fase sur”. 

E engadiu que “entre os dous torneos case 800 ximnastas pasarán por Ribadeo: 400 aproximadamente no torneo do sábado, divididas en tres turnos; e no torneo do domingo, divididas en dous turnos, máis de 300”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo: “vou agradecerlle a Nelly todo este esforzo porque recordo que primeiro foi alumna deste club e agora é a organizadora e profesora e leva moitos anos dedicada a este deporte tan esixente. Desde o Concello queremos animala a seguir organizando estes 2 torneos concentrados en 2 días da fin de semana porque é moi complexo preparar un evento así”. 

E o alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “quedo sorprendidísimo, e para ben, da cantidade de xente -de nenas e de familias- que nesta fin de semana van estar en Ribadeo nestes torneos e que ademais fan que pareza que isto non é un deporte minoritario senón de masas, cun ánimo e cunhas gañas de participar, o que nos fai estar moi orgullosos en Ribadeo por poñer en valor todas estas infraestruturas deportivas que temos nas que se van dar cita xente de aquí e acolá nestes torneos da fin de semana. Así que agradecer a Nelly e ao club organizador por contar outro ano máis con Ribadeo”.