Sete entidades coñecen ata o 10 de xuño a provincia de norte a sur da man da Deputación de Lugo.

Sete entidades de toda a provincia participan esta semana no programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia. Dende hoxe ata o venres, colectivos de Lugo, Barreiros e Cervantes percorren o patrimonio natural e cultural da provincia a través de  diferentes itinerarios que os levarán a Cervo, O Incio, Alfoz e O Valadouro, Quiroga, O Saviñao e a zona de Montaña, con parada nos concellos de Becerreá, As Nogais, Cervantes e Navia de Suarna.

As viaxes comezaron este martes con dúas entidades do concello de Lugo. Por unha banda, membros da Asociación Veciñal San JoséPolvorín das Gándaras iniciaron o percorrido no Mazo de Santa Comba e, posteriormente, achegáronse ao concello de Cervo, onde visitaron a fábrica de Sargadelos, o Paseo dos Namorados e a vila de San Cibrao. Por outro lado, integrantes da Asociación Prestancia de Lugo percorreron ás instalacións do Pazo de San Marcos e o encoro de Vilasouto, a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital ou a Aldea da Ferrería, no concello do Incio.

Xa o mércores, o Mazo de Santa Comba recibirá á Asociación Fillos de San Miguel de Reinante, de Barreiros, que posteriormente poñerá rumbo aos concellos de Becerreá, As Nogais e Cervantes. Tamén este día, os xubilados e xubiladas do colectivoLucusAugusti coñecerán o traballo que se realiza na Produtora do Servizo de Audiovisuais da institución provincial e visitarán a Aldea do Piornedo ou o castelo dos Condes de Altamira, entre outros lugares de Navia de Suarna e Cervantes.

Os veciños da Asociación San Felipe de Balgos, de Cervantes, achegaranse o xoves ao Pozo da Onza ou ao Castelo de Castrodouro, ademais de a outros recursos dos concellos de Alfoz e O Valadouro. A visita comezarana no Mazo de Santa Comba. Tamén este día a Asociación ALUME Saúde Mental percorrerá as instalacións do Pazo de San Marcos e continuará a viaxe cara Quiroga, onde descubrirán a historia e o patrimonio xeolóxico da localidade.

O venres será a quenda da entidade Mulleres Rurais Tea de Araña, de Barreiros. Este colectivo desprazarase ata O Saviñao para descubrir o Ecomuseo de Arxeriz, o miradoiro Cabo do Mundo e as paisaxes da Ribeira Sacra dende o catamarán da Deputación de Lugo. Antes farán unha visita ao Pazo de San Marcos e coñecerán a historia do edificio que agora é sede da institución provincial. 

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito do programa Coñece a túa Provincia, no que “esta semana participarán máis de 160 persoas e co que buscamos apoiar a actividade do sector turístico, hostaleiro e comercial, e, ao mesmo tempo, consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”. 

Polo turismo de proximidade
Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada do Coñece a túa Provincia. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.