O 30 de xullo Xurxo Souto presentará o seu libro "Contos do mar de Irlanda" no Bar San Pedro, de Alfoz.

O 30 de xullo Xurxo Souto presentará o seu libro "Contos do mar de Irlanda" no Bar San Pedro, de Alfoz.
 
Segundo explica Lionel Rexes “o autor denomina estas presentacións Océano para terrícolas; trátase de encontros inspirados nas antigas troulas das tabernas mariñeiras onde o acordeón era imprescindíbel, por iso Xurxo Souto nunca esquece o instrumento e viaxa acompañado polos acordes das cantigas xurdidas nas travesías atlánticas.
A escolla do devandito local polo autor non foi casual, esta taberna tradicional galega* (é restaurante, ultramariños, lugar de reunións veciñais…) mantén un vínculo co Gran Sol do que se falará no decurso do evento.
Xurxo Souto recuperou para a súa obra as historias persoais de centos de mariñeiros galegos que navegaron e navegan polo Atlántico; auténticos embaixadores dos nosos costumes nas costas irlandesas, quen chegaron a estabelecer lazos coa poboación local e mesmo acabaron formando parte da épica mariñeira da illa.
Contos do mar de Irlanda, editado por Xerais en 2014, vai pola terceira edición e está a revelarse como un auténtico traballo enciclopédico da actividade pesqueira contemporánea, non só de Galiza senón tamén doutros territorios europeos”.
Rexes engade que “o inmóbel que hoxe ocupa o Bar San Pedro (no barrio de Correlos, parroquia de Mor) está cargado de historia; o actual estabelecemento conta con 28 anos de actividade, polo que asistiu aos derradeiros anos da Feira de Correlos (desaparecida a finais dos ’80), mais anteriormente a casa xa tiña sido taberna noutras tres ocasións, escola (até comezos dos ´80), consistorio -a comezos do século XX), cárcere de mulleres na Guerra Civil (alí estiveron presas as fillas do mítico fuxido “Gardarríos” e aínda se conserva o fachineiro por onde lles subministraban o alimento dende o exterior ás famosas reas-, ou escenario de representacións teatrais, proxeccións cinematográficas e baile na década dos ’40”.