O venres, 29 de abril, da comezo en Xove a Festa das Flores, que organiza a Aciam. A cita arrinca co pregón de Roberto Vilar.

O venres, 29 de abril, da comezo en Xove a Festa das Flores, que organiza a Aciam. A cita arrinca co pregón de Roberto Vilar.
 
Este venres, 29 de abril, da comezo en Xove a Festa das Flores que organiza a Aciam. O amplo programa de actividades que se desenvolverán durante os dous días de festa arrinca co pregón de Roberto Vilar e seguirá con verbenas, mercado, xantar popular, música, teatro e interesantes sorteos. 
 
O programa da Festa das Flores dará comezo o venres, día 29, en Chao da Aldea co pregón que pronunciará o presentador e actor xovense Roberto Vilar, a partir das 20:30 horas. Haberá o Venres de tapeo nos locais hostaleiros, que estará dedicado á Festa das Flores. Ás doce da noite terá lugar o sorteo presencial do tapeo do mes de abril, que presentará tamén Roberto Vilar e a continuación concerto de Joni Ramos, presentando o novo espectáculo The show must go on. A primeira xornada deste evento festivo rematará coa verbena amenizada por Cronos Band, de Xove. 
 
En Chao da Aldea o sábado ás 11:00 da mañá abrirá as súas portas o Mercado da Festa das Flores. Ás 12:30 horas terán lugar as ofrendas tradicionais á Virxe María, seguidas de misa á unha do mediodía e de procesión. Para as 14:30 horas está prevista a sesión vermú, que amenizará Cronos Band e na que intervirán os gaiteiros de Saíñas. A xornada de festa continuará co xantar popular ás 15:00 horas, co teatro a cargo do grupo da ACD Xove ás 17:30 horas e con xogos tradicionais entre as seis e as oito da tarde a cargo de Magüeta Animación. Xa pola noite a partir das dez actuación musical de Vatican Crowes e verbena amenizada por Cronos Band e ás doce sorteo presencial da Aciam de Xove, dunha cesta con diversidade de produtos e valorada en 1.500 euros. “Para participar no sorteo o único que hai que facer é adquirir rifas nos nosos establecementos asociados”, indican desde a Aciam. 
 
Como actividades paralelas explican desde a directiva da asociación “teremos un photocall para que os asistentes á Festa das Flores sexan os protagonistas e garden un bo recordo desta cita. E ademais entre o pasado 25 de abril ao 1 de maio poderase ver na sala de exposicións do Centro Cívico a mostra sobre Os maios”. 
 
Desde a directiva da Asociación de Comerciantes de Xove lembran que “xa levan varios días á venda os tíckets para participar no xantar popular da Festa das Flores. Si se adquiren anticipadamente custarán 6 euros e si se mercan o propio día da comida o prezo será de 8 de euros”. E engaden que “todas as persoas que o desexen poden atopar información detallada na nosa páxina de facebook Aciam Xove”.