Un documental italiano e unha curtametraxe palestina pechan este mércores, 11 de marzo, o ciclo de cine árabe en Viveiro.

Un documental italiano e unha curtametraxe palestina pechan este mércores, 11 de marzo, o ciclo de cine árabe en Viveiro.
 
Este mércores, 11 de marzo, remata o ciclo de Cine árabe para o mundo que o colectivo viveirés Pensamento e Sementeira, en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, proxectou dentro da súa programación cultural de inverno.
O documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani (Italia, 2009) e a curtametraxe “Shwesh,Suez” de Riyad Deis (Palestina ,2009 ) pecharán o ciclo de películas sobre Palestina que se proxectaron durante os tres primeiros meses do ano no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.
“Shooting Muhammad” conta a historia dun refugiado palestino de 21 anos que cada mañá,colle o autobús para asistir á universidade israelí situada nun asentamento de Cisxordania. El é o único estudante árabe da facultade e comparte aula con colonos ultra-relixiosos.
A curta “Shwesh, shwesh” está ambientada nas zonas rurais de Palestina, en 1939, ao final da revolta palestina contra o mandato británico. Un agricultor palestino e a súa familia viven unha vida tradicional cando todo cambia porque un combatente da resistencia decide agocharse nunha pequena granxa e trae ideas revolucionarias…
A sesión dará comezo ás 20 horas e a entrada é libre até completar o aforo da sala.