O colectivo viveirés Pensamento e Sementeria convocou un debate arredor das posíbeis intervencións no areal de Covas que terá lugar este venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior.
Os cambios, acentuados agora por efeito das últimas vagas de mar e as transformacións producidas nos últimos anos no medio, que ocuparon todo o sistema dunar, construíndo espigóns e canalizacións, deron lugar a escaseza de area e ao desequilibrio da praia.
O porto de Celeiro diminuiu drásticamente a enerxía das ondas do mar que rompen no areal provocando a perda de area no sector occidental que é transportada lonxitudalmente de oeste a este.
Estes cambios e as posíbeis intervencións da Administración no areal preocupan á veciñanza e é por iso que o colectivo organizador programou este debate ao que se convidou á Xefatura da Demarcación de Costas de Lugo. Como os representates de Costas decidiron non intervir neste acto o colectivo organizador decidiu solicitar á alcaldesa de Viveiro que informase das propostas que a Demarcación lle ten presentado ao Concello.
No acto pois, ademais de María Loureiro que o fai en representación do Concello, intervirán as seguinte persoas:
-Andrés Díaz Ferro, capitán de pesca e Práctico do porto de Celeiro.
-Alexandre García, especialista en bioloxía mariña e vogal do Litoral de ADEGA e
-J. Pino, capitán de pesca
O acto contará, ademais, coa proxección de vídeos e fotografías que ilustrarán sobre os cambios sufridos polo areal de Covas.
A entrada é libre até completar o aforo da sala.