
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) presenta unha nova edición da súa campaña do Black Friday, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro coa participación de mais de 30 establecementos da vila. A iniciativa ofrecerá descontos especiais e promocións exclusivas co obxectivo de dinamizar a actividade comercial e reforzar o tecido económico local.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explica que “os establecementos participantes ofrecerán descontos en moda, calzado, complementos, deporte, decoración, óptica, saúde, beleza e moito máis. A ampla variedade de comercios adheridos garante unha oferta diversa e atractiva para todas as idades e necesidades. O Black Friday sempre é un éxito e agardamos que nesta edición se manteña”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, destaca que “esta campaña non só pretende atraer clientela durante estas datas sinaladas, senón tamén concienciar sobre a importancia de apostar polo comercio de proximidade, un sector fundamental para o emprego, a vida urbana e a identidade de Ribadeo. Cada compra feita aquí repercute directamente no benestar da nosa comunidade, mantén vivos os negocios de sempre e axuda a que Ribadeo siga sendo un referente comercial e turístico”.
Pérez Prada explica tamén que “durante esta edición do Black Friday os establecementos participantes ofrecerán unha ampla variedade de promocións, entre as que destacan descontos do 10%, 15%, 20% e ata o 50% en moda, calzado, complementos, artigos deportivos, decoración e produtos de tempada, ademais de ofertas 3x2 en artigos seleccionados, liquidacións especiais con prezos moi reducidos, descontos en marcas concretas, promocións válidas en días específicos e mesmo agasallos directos por compra, como láminas orixinais. Trátase dunha proposta completa e diversa que permitirá á clientela atopar grandes oportunidades ao tempo que apoia e dinamiza o comercio local de Ribadeo”. E engade: “a campaña coincide ademais co uso da moeda local, a Pancha, unha ferramenta creada para estimular o consumo nos establecementos ribadenses. Durante estes días, as persoas usuarias poderán empregar esta moeda para beneficiarse dos descontos adicionais do Black Friday e do aforro que implican as panchas, é dicir estes tres días será dobre o aforro se mercan en Ribadeo”.
Cruzado Iglesias anima a aproveitar esta campaña: “convidamos á veciñanza e visitantes a participar activamente nesta campaña, desfrutar dos mellores prezos e apostar polo comercio que forma parte da nosa vida diaria, aproveitando a oportunidade de apoiar aos negocios locais nestas datas clave. No comercio local atopamos un trato próximo e o mellor asesoramento posible, o que nos fan as persoas que se atopan detrás do mostrador. Os pobos teñen vida grazas ao seu tecido empresarial, non nos cansamos de dicilo todos os días. Sen negocios locais os pobos morren, desaparecen e iso non podemos permitilo”.
A presidente de Acisa especifica que “participan na campaña do Black Friday de Acisa Ribadeo os seguintes establecementos: QueroColo, Siñeiro, Bora Bora, Calzados La Moda, La Moda Básico, Anaís, Ginzo Hombre-Mujer, Casa Mandarina, Mimimó, Atleet, Sendín, Vitaldent, La Coqueta, Sanjurjo, Esprit, For Friends, Opticalia, Ohana, Grisi, Galán Moda Hombre, Naná, Deportes Docobo, Imag_n365, Óptica Miró, Miss-Tic, Jilgueritos, Ribeirao, Glass, Galería Terra Branca, Boutique Pippol’s, Hola Ola, Xeito Decoración e Mika. Para máis información as súas ofertas nestes días pódense consultar na web e redes sociais da nosa entidade”.
Esta actividade esta organizada por Acisa Ribadeo e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.


