
A XV Festa do Comercio, que organiza Acisa Ribadeo, terá lugar o 10 de xaneiro nas carpas situadas na Avenida Rosalía de Castro ás 20:30 horas. Trátase dunha edición especial, a decimo quinta, a campaña que máis anos cumpre realizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anuncia que “con esta décimo quinta edición da Festa do Comercio queremos poñer o broche de ouro a un ano excepcional para Acisa Ribadeo e ademais conmemorar precisamente a celebración dos 15 anos da campaña mais antiga de Acisa e de maior éxito, consolidada xa como un referente na nosa contorna. De aí que pensásemos en mandar a unha parella a Menorca a pasar uns días, para pechar o circulo, daquelas primeiras directivas que xa sorteaban viaxes hai 36 anos, cando a asociación botaba a andar”.
Cruzado Iglesias explicou: “hoxe presentamos a campaña da XV Festa do Comercio, que se desenvolverá desde este venres, 5 de decembro, ao 10 de xaneiro. Ese día será o sorteo presencial nas carpas situadas na Avenida Rosalía de Castro no que repartiremos 5.000 euros en premios, en vales de compra, para consumir nos negocios locais asociados, ademais desa viaxe. Co fin de impulsar as compras durante o mes de decembro e tamén durante os primeiros días das rebaixas de xaneiro as rifas estarán a disposición dos clientes en todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “todas aquelas persoas que fagan as súas compras no comercio asociado a Acisa Ribadeo recibirán as papeletas para participar no sorteo. En total póñense en circulación 180.000 rifas, campaña na que mais repartimos, o que quere dicir que esta actividade de Nadal é un éxito rotundo pola demanda de rifas que temos en cada edición”.
Pérez Prada indicou que “os premios serán repartidos da seguinte maneira: unha viaxe a Menorca para dúas persoas durante catro días, nun hotel de 4 estrelas e en réxime de todo incluído; un premio de 2.000 euros, un de 1.500 euros, un de 1.000 euros, e dous de 250 euros (un deles será non presencial). O premio non presencial será sorteado entre o número total de papeletas impresas. E o resto de premios sortearanse entre os números que o dia 10 de xaneiro estean depositados na urna que estará situada na mesma carpa”. E engadiu que “é moi importante destacar que a rifa debe conservarse ata o 10 de xaneiro e que ese dia pola tarde deberase introducir na urna unha das dúas partes nas que se divide, e seguir conservando a outra ata a mesma hora do sorteo. Deste xeito, unha parte estará na urna para poder ser extraída e premiada e a outra quedará con nós para comprobar se temos o número agraciado. Como sempre insistimos esas rifas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento para ser entregadas aos clientes”.
A presidenta de Acisa subliñou que “esta campaña faise co fin de dicirlles aos ribadenses, á veciñanza da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar para facer as compras, tomar un viño, encargar as comidas e as ceas de Nadal e desfrutar dunhas festas diferentes, e si podes gañar un destes premios tan importantes moito mellor. Ademais sendo o último evento do 2025, un ano que foi excepcional para Acisa, parecíanos interesante darlle un toque extra a tanta actividade, por iso imos enviar a unha parella a Menorca”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense manifestou que “esta campaña de Nadal ten que ser o broche de ouro a un ano especial, a un ano de consumo no comercio, a un ano de esforzo e dedicación dos nosos comerciantes. O futuro do pequeno comercio está en xogo e o Nadal é un partido moi importante no calendario. Fagamos as compras no pequeno comercio, fagamos as compras no próximo, no local, onde estamos a axudar ao veciño, ao amigo, ao familiar. Un agasallo feito no comercio local vale moito mais por ese motivo”.
A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento “para BeOne e para Gestión Gratelu, como empresas patrocinadoras, e para o Concello de Ribadeo, que nos facilitará a carpa e os medios para a realización do sorteo. Destacar tamén que esta é unha actividade que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia”.
No acto de presentación xunto á presidenta e ao xerente de Acisa estiveron o CEO de BeOne, Roberto Ramos; o administrador de Gestión Gratelu, Pablo Posada; o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; e a concelleira de Comercio, Marta Saiz.
Ademais anunciaron que “neste arranque do Nadal queremos recuperar por segundo ano a iniciativa No Nadal ti iluminas Ribadeo, coa que se anima a comerciantes e hostaleiros a decorar voluntariamente os seus establecementos para contribuír á ambientación festiva da vila”, sinalaron desde a directiva e a xerencia de Acisa. E rematan: “a proposta non ten carácter competitivo, senón que busca implicar ao tecido empresarial na creación dun ambiente cálido, acolledor e visualmente atractivo durante as festas, recuperando así unha tradición histórica que destacaba as rúas e comercios de Ribadeo pola súa creatividade e elegancia. A participación colectiva permitirá reforzar o espírito destas festas, enriquecer a experiencia de veciños e visitantes e dinamizar o comercio e a hostalaría local nestas datas tan sinaladas. Por iso, animamos a comerciantes e hostaleiros a que decoren os seus escaparates, comedores, locais, barras, terraza… co maior cariño e ilusión, facendo de Ribadeo un lugar máxico. Hai moitos escaparates espectaculares en Ribadeo, que xa merecen unha visita, e outros moitos que se están preparando a conciencia para a ocasión”.


