
O programa de charlas de saúde Preto de ti, do Concello de Ribadeo, amplía o seu alcance coa incorporación de dúas parroquias máis, Rinlo e A Devesa, achegando á veciñanza información clave sobre a diabetes, o seu control, a prevención e a mellora da calidade de vida.
O Concello de Ribadeo explica que “estas sesións teñen como obxectivo ofrecer ferramentas prácticas e accesibles para que a poboación poida coidar da súa saúde, fomentar hábitos de vida saudables e resolver dúbidas relacionadas cunha enfermidade cada vez máis presente na sociedade”.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, anima a toda a poboación a participar nestas charlas e amosa a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa: “estamos moi contentas coa participación da xente. Que a veciñanza se implique, se informe e se coide é fundamental, e desde o Concello queremos seguir ofrecendo ferramentas que fagan posible unha mellor calidade de vida”.
Moitas foron as persoas que onte asistiron á charla sobre a diabetes celebrada en Vilaselán. Foi impartida por María Roel, enfermeira da Área de Benestar Social do Concello. Este mércores, día 28, a cita será ás 18:00 horas en Ribadeo. As seguintes charlas sobre a diabetes terán lugar o día 3 de febreiro en Arante, o 5 en Cedofeita, o 9 en Cinxe, o 10 na Devesa e o 11 en Rinlo.
Desde o Concello de Ribadeo destácase a importancia de achegar este tipo de actividades aos diferentes núcleos de poboación, facilitando o acceso á información sanitaria e reforzando o compromiso coa prevención e o benestar das familias.


