
A XII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais terá lugar o 12 de setembro. As inscricións quedan abertas desde este xoves, 19 de marzo, ás 19:00 horas.
O concelleiro de Deportes, Francisco José SIlvent, dixo: “presentamos hoxe a décimo segunda Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que se celebrará o 12 de setembro. As inscricións quedan abertas no día de hoxe, 19 de marzo, a partir das 19:00 horas”.
O edil ribadense subliñou: “desde a organización agardamos que sexan moitas as corredoras e os corredores que se animen a participar nesta nova edición da media maratón. O ano pasado foron máis de 700 os deportistas que cruzaron a meta dos 1.076 inscritos e agardamos poder superar esas cifras neste 2026. Moitos corredores e corredoras veñen acompañados das súas familias ou de grupos de amigos e pasan a fin de semana na nosa vila, co que iso supón para os hoteis, para os restaurantes ou mesmo para o comercio”. Ademais tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: “tamén queremos agradecer a todos os colaboradores a súa implicación coa Media Maratón Ribadeo-As Catedrais”.
Desde El Progreso manifestaron: “no grupo El Progreso estamos encantados de colaborar un ano máis con esta importante cita deportiva, que reúne a centos de corredoras e corredores chegados en equipo ou acompañados polas súas familias e amizades para disfrutar da carreira e dunha fin de semana do verán en Ribadeo”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “toda actividade desta índole ten repercusións positivas na economía local e iso é sempre moi importante. Estamos a falar dunha fin de semana do mes de setembro, aínda no verán, na que participantes e acompañantes aproveitarán para gozar da nosa vila, da súa paisaxe, do seu patrimonio cultural, da súa gastronomía e do seu comercio. Ribadeo ten moito que ofrecer, sempre sorprende aos que chegan aquí por primeira vez, que quedan encantados e repiten experiencia deportiva e turística”.
Na presentación, que tivo lugar no pavillón de deportes de Ribadeo, participaron o alcalde, Dani Vega; a atleta Julia Vaquero; as concelleiras e concelleiros Francisco José Silvent, Montse Seijo, Elena Sierra, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Diego Dos Santos; a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o xornalista Pablo Villapol, en representación do Grupo El Progreso; a autora do cartel, Sandra González; e o técnico municipal de Deportes, Iván López.


