
O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) foi recoñecido co Premio Comercio Dinamización 2025, outorgado pola Xunta de Galicia, nun acto celebrado en Santiago o pasado mes de novembro. E para celebralo organiza a Festa do Comercio co sorteo dunha Extra de Verán de 1.200 euros, “unha iniciativa destinada a dinamizar o comercio local e agradecer á veciñanza o seu apoio continuo. Este sorteo especial terá lugar o vindeiro 30 de maio ás 21:00 horas na Praza Maior de Viveiro, converténdose nun punto de encontro para veciños, visitantes e comerciantes. Pero a tarde estará chea de actividades e sorpresas”.
O CCHV explica tamén que “como principal atractivo a campaña inclúe o sorteo dunha Extra de Verán, cun premio de 1.200 euros, co que se busca incentivar as compras nos negocios asociados. Para participar os clientes poderán conseguir rifas ó realizar as súas compras entre o 4 e o 30 de maio nos establecementos asociados ó CCHV. O día 30 de maio haberá unha urna habilitada na Praza Maior de 17 a 21 horas, onde os clientes poderán depositar os seus números para o sorteo, que terá lugar ás 21:15 horas e estará presentado polo gran Dani Rios, que unha vez máis actuará como mestre de cerimonias”.
A programación do evento incluirá “unha ampla variedade de actividades pensadas para todos os públicos: animación musical coa charanga Santa Compaña ó longo da tarde polas rúas de Viveiro, con actuación final a partir das 20:30 horas na Praza Maior; actividades infantís, con talleres de pintura de mochilas e papiroflexia na Sala Multiusos; concurso de miniburgers en 8 locais de hostalaría participantes con sorteo de premios para os clientes que as proben; e máis sorpresas que se irán desvelando a medida que se achegue a data”.
A directiva do CCHV destaca que esta iniciativa “non só promove o consumo no comercio de proximidade senón que tamén reforza o carácter social e comunitario de Viveiro, convertendo o comercio nun espazo de encontro e convivencia”.
A Festa do Comercio “convértese así nunha cita clave no calendario local, combinando ocio, cultura e apoio ao comercio de proximidade nun ambiente festivo e participativo”.
Pódense consultar as bases do sorteo na web www.viveirocentro.com, na App ViveiroCCH e nas redes sociais da asociación.


