Máis de 120 ciclistas daranse cita este domingo, 17 de maio, no III Trofeo Máster Vila de Ribadeo

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “a proba arrincará ás 11 da mañá desde o parque de San Francisco e reunirá a 120 ciclistas das categorías masculinas M30, M40, M50 e M60. O evento forma parte do Campionato de Galicia de Estrada 2026 e vainos converter en punto de encontro para os amantes do ciclismo esta fin de semana. Ata Ribadeo se van achegar corredores procedentes de distintos puntos de Galicia para disputar unha das probas destacadas do calendario autonómico desta disciplina deportiva”.

O edil ribadense subliñou que “Ribadeo encherase de ambiente ciclista esta fin de semana. Animamos a presenciar a saída a partir das 11 da mañá deste vindeiro domingo, día 17, e o seu paso polas rúas da nosa vila”.

O III Trofeo Máster Vila de Ribadeo, que organizan o Club Ciclista Eo e o Concello de Ribadeo, foi presentado nas inmediacións do Pazo de Ibáñez. Ao acto asistiron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, o técnico municipal de Deportes, Iván López, o presidente e o secretario do CCEO, Marcelino López e Ismael Rey, e Lázaro López, coorganizador do evento. 

Francisco José Silvent agradece “o apoio de todas as firmas colaboradoras con esta proba ciclista”.