Acisa e o Polo de Emprendemento de Mondoñedo organizan o 27 de maio en Ribadeo unha charla sobre relevo xeracional nos negocios locais

Acisa Ribadeo organiza xunto co Polo de Emprendemento de Mondoñedo o vindeiro 27 de maio unha xornada centrada na transmisión de negocios e no relevo xeracional no comercio local. A actividade desenvolverase a partir das 20:15 horas na Casa da Cultura de Ribadeo e está dirixida tanto a empresarios e empresarias como a persoas emprendedoras interesadas en coñecer as oportunidades existentes neste ámbito.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, indica que “baixo o título de Transmisión de negocios no comercio de Ribadeo, a iniciativa pretende converterse nun espazo de encontro, comunicación e intercambio de experiencias entre os nosos asociados e asociadas e persoas que estean valorando emprender ou dar continuidade a negocios xa existentes. O relevo xeracional é algo que nos preocupa, de aí a organización desta charla”. 

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, explica que “durante a sesión abordarase a problemática da perda de actividade comercial derivada da falta de relevo xeracional, unha realidade que afecta a numerosos negocios de proximidade en toda Galicia e tamén na vila ribadense. Neste contexto explicaranse as diferentes axudas públicas dispoñibles para favorecer a transmisión empresarial, facendo especial fincapé no Bono Remuda, impulsado pola Xunta de Galicia. A xornada contará coa participación de representantes da Rede de Polos de Emprendemento. En concreto, Belén López Cayón, técnica do Polo de Mondoñedo, realizará unha presentación dos servizos e accións de apoio ao emprendemento impulsados pola rede autonómica. Posteriormente, Francisco Lago García, tamén técnico do Polo de Mondoñedo, explicará os detalles do Bono para a Remuda Xeracional e analizará os principais retos aos que se enfrontan os negocios xestionados por persoas próximas á xubilación”.

Cruzado Iglesias conta que “Jesús Pérez Prada será o encargado de presentar a actividade e de expoñer os servizos e accións que Acisa Ribadeo desenvolve en apoio ao comercio e ás empresas do municipio”.

Dende a directiva e a xerencia de Acisa Ribadeo fan un chamamento especial “a todos aqueles negocios que teñan previsto xubilarse nos próximos meses ou anos, así como a persoas emprendedoras que poidan estar interesadas en iniciar unha actividade comercial, xa que a xornada pode servir para establecer contactos, coñecer oportunidades e explorar posibles alternativas que permitan evitar o peche de empresas e a perda de actividade económica na nosa vila”.