O Concello de Cervo expón na Casa da Cultura ata finais de agosto a mostra “Artesanía de Arruguiñas”

O Concello de Cervo anuncia que este xoves, día 23 de xullo, quedou inaugurada na Casa da Cultura a mostra de artesanía de Arruguiñas, unha exposición que “reúne os traballos elaborados polas persoas participantes nos obradoiros desenvolvidos ao longo do curso, dentro deste programa municipal de envellecemento activo que reuniu neste edición a máis de cen veciños/as que asistiron ás diferentes actividades programadas”.

O acto contou coa asistencia da alcaldesa, Dolores García Caramés; da concelleira Pilar Armada; da directora técnica xeral de Saúde Mental A Mariña, María José Novoa e do presidente da entidade, Jorge Manchado; así como de integrantes da asociación, familiares, monitores e alumnado dos talleres.

Durante a inauguración a rexedora destacou o valor desta iniciativa, que “permite dar a coñecer o esforzo, a dedicación e a creatividade das persoas participantes, ao tempo que pon en valor o importante labor que desenvolven este tipo de programas como espazos de aprendizaxe, convivencia e inclusión social”.

A exposición permanecerá aberta ao público ata finais de agosto na Casa da Cultura, “ofrecendo á veciñanza a oportunidade de achegarse e descubrir unha colección de pezas artesanais nas que se reflicten a ilusión, a constancia e o talento das súas autoras e autores”.

O Concello de Cervo anima á cidadanía a visitar esta mostra e a apoiar unha iniciativa que “contribúe a enriquecer a programación cultural do municipio”. E expresa o seu agradecemento á Asociación Saúde Mental A Mariña “pola súa colaboración e implicación, fundamentais para facer realidade este proxecto”.