
O municipio ribadense acollerá a VIII carreira nocturna Rinlo-Ribadeo este sábado, día 22 de agosto, e baloncesto co CB Breogán o domingo 23
Récord de inscritos na VIII Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo, que terá lugar este sábado, 22 de agosto. Son 700 os corredores e corredoras que se darán cita na proba organizada polo Club Atletismo Ribadeo coa colaboración, entre outros, do Concello, da Xunta, da Deputación de Lugo e de Acisa.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, agradece “o traballo do club organizador desta carreira, que xa é un clásico do verán en toda a contorna e tamén a todas as persoas voluntarias que velarán polo seu bo desenvolvemento. O Concello, como ven sendo habitual, colaborou co Club Atletismo Ribadeo en todo o que precisou. Agardamos que participantes e familiares disfruten da carreira e do seu paso polo noso concello”.
A actividade deportiva non descansa en Ribadeo. Esta fin de semana o pavillón municipal acollerá o partido de baloncesto que disputarán o Leite Río Breogán e o Spórting de Portugal. Será o domingo, día 23, ás 12:30 horas e o edil de Deportes destaca: “estamos encantados de poder gozar dun partido de primeiro nivel europeo nas nosas instalacións. Ribadeo é un referente no deporte e unha mostra máis é que contaremos con baloncesto de primeiro nivel en Ribadeo este domingo. Animamos a todos os amantes deste deporte a que se acheguen ao noso pavillón”.


