
A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a partir do martes 1 de setembro a campaña da volta ó cole co sorteo do valor de 5 tickets de compra subidos á APP ViveiroCCH. E explica: “nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para estas datas nas que as familias están a preparar a volta ó cole dos rapaces, e axudarlles dalgún xeito a facer mais levadeiros os gastos que acarrea. O xeito de participar é moi sinxelo, só hai que descargar a App ViveiroCCH, onde está habilitada a campaña, e subir os tickets de compra de calquera dos negocios asociados do 1 ó 20 de setembro de 2026 (ambos incluídos). Sortearemos a devolución do importe de 5 dos tíckets subidos (ata un máximo de 100 euros cada un), axudando deste xeito a que algún dos gastos do gañador ou gañadora poida saírlle gratis. Non hai importe mínimo para poder participar e o sorteo será o 21 de setembro de 2026 ás 16:00 horas a través da propia APP.
Tamén indican que se gravará “o sistema de sorteo para difundilo posteriormente en RRSS e tamén avisaremos directamente ós gañadores para que poidan recoller os premios” e destacan: “con esta iniciativa intentamos dinamizar esta data comercial importante para o comercio local, poñendo en marcha sorteos e premios para agradecer a fidelidade dos clientes, e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos”.
Ademais explican que “os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación son, por unha parte, a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local; e, por outra parte, fomentar a unión de tódolos comerciantes da zona para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro”.
As bases da campaña e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, e nos perfís de Facebook, X e Instagram.


