
O Concello de Cervo pon en marcha unha nova edición de Arruguiñas, o programa municipal gratuíto de envellecemento activo dirixido ás persoas maiores de 60 anos, que se desenvolverá desde o mes de outubro. As persoas interesadas xa poden anotarse na Casa da Cultura o na Casa do Concello. “A iniciativa mantén a súa aposta por ofrecer un amplo abanico de actividades destinadas a favorecer o benestar físico, mental e social das persoas participantes, combinando propostas xa consolidadas con novas actividades e ampliando tamén algunhas das iniciativas que se desenvolven no Centro de Día Residencia”, explica o Concello de Cervo, que engade: “o programa inclúe talleres de memoria, Móvete, inglés, Actívate, iniciación á lingua de signos, talleres terapéuticos, terapia con maiores -como novidade- e Charlando, ademais doutras actividades pensadas para fomentar a participación, a socialización e a autonomía das persoas maiores”.
Tamén destaca que “entre as novidades desta edición destaca a incorporación da iniciación á lingua de signos tamén en Cervo, os mércores de 17:00 a 18:00 horas na Biblioteca de Cervo., da man de EMotiVavet. En San Ciprián, esta actividade desenvolverase os xoves, de 17:00 a 18:00 horas, na Casa do Mar. Tamén se reforza o programa Actívate, que terá lugar os martes e xoves, de 11:30 a 12:30 horas, na Casa do Mar de San Ciprián, con propostas como Conectámonos, centrada no manexo das novas tecnoloxías; A miña voz interior, orientada á activación cognitiva a través dos recordos e as emocións; A miña mente, destinada a estimular e preservar as actividades sociocognitivas; e Envellecemento activo, centrada nas habilidades manipulativas e na psicomotricidade fina”.
Ademais o taller de memoria manterá as súas actividades en Cervo, os martes e xoves de 17:00 a 18:30 horas na Biblioteca, e en San Ciprián, os luns e mércores, con dous grupos de 17:00 a 18:30 e de 18:30 a 20:00 horas na Casa do Mar.
Pola súa banda, Móvete desenvolverase en Cervo os martes e xoves de 16:00 a 17:00 horas e en San Ciprián os luns e mércores de 9:30 a 10:30 horas, coa finalidade de “incorporar o exercicio físico á rutina diaria e favorecer tamén a socialización”.
Outra das propostas é o inglés para o día a día, con clases os mércores de 18:00 a 19:00 horas na Biblioteca de Cervo e os martes de 18:30 a 19:30 horas na Casa do Mar de San Ciprián coa colaboración da English School de San Ciprián.
Os talleres terapéuticos, en colaboración con Saúde Mental A Mariña, desenvolveranse os venres de 16:00 a 18:00 horas na Casa do Mar.
O Concello de Cervo tamén indica que “unha das apostas desta nova edición é ampliar as actividades que se desenvolven no Centro de Día Residencia, achegando o programa tamén ás persoas usuarias do centro. Así a programación no CDR complétase con terapia asistida con cans, da man de EMotiVavet e tamén haberá unha monitora todas as tardes”.
A programación complétase con Charlando, “encontros informais e didácticos cunha periodicidade mensual e coa participación de profesionais de diferentes sectores, con temas de interese para o día a día das persoas maiores”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destaca que “Arruguiñas é moito máis ca un programa de actividades: é un espazo para compartir, aprender, manterse activos e, sobre todo, para que as nosas persoas maiores continúen tendo un papel protagonista na vida do municipio”.
“Queremos que cada persoa poida atopar dentro de Arruguiñas actividades que lle interesen e que contribúan ao seu benestar físico, mental e social”, engade a rexedora.


