Acisa colabora un ano máis coa Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. Todas as persoas que completen a novena edición o vindeiro sábado, 16 de setembro, recibirán unha medalla conmemorativa xentileza do colectivo empresarial ribadense.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “este sábado, 16 de setembro, celébrase a IX Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. Todos os corredores e corredoras que completen o percorrido recibirán unha medalla conmemorativa xentileza de Acisa Ribadeo, que colabora deste xeito con esta proba. Como novidade, algúns negocios asociados a Acisa tamén quixeron aportar unha pequena colaboración, en forma de regalos para sortear entre os participantes”
Desde Acisa amósanse satisfeitos de poder colaborar un ano máis coa Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. O xerente, Jesús Perez, dixo: “dende Acisa estamos satisfeitos de poder colaborar un ano mais co Concello aportando as medallas de fin de carreira” e destacou que “este evento vai mover a mais de 700 corredores e corredoras, que xunto a acompañantes e familiares suporá que se acheguen á nosa vila preto de dúas mil persoas durante a fin de semana. Moitos deles xa chegarán o venres e outros quedarán ata o domingo, polo que poderán gozar da nosa hostalería e do noso comercio, algo que para nos ten moita importancia neste tramo final do verán”.
Pérez Prada engadiu: “a Media Maratón é moi importante para a actividade económica do noso pobo. Trátase dun revulsivo para o turismo, onde estes potenciais 2.000 visitantes dunha fin de semana, pódense converter en 2.000 embaixadores de Ribadeo que lles conten a amigos e familiares, o destino ideal que é Ribadeo para pasar uns dias de descanso ou de vacacións”.
Cruzado Iglesias subliñou que “como diciamos anteriormente como novidade este ano, dende Acisa demos a oportunidade aos asociados e asociadas que o desexaron de poder colaborar con este importante evento, doando o que na súa man estivese para poder sortear estes regalos entre os participantes. Por elo, quixera expresamente agradecer a o Hotel Mi Norte, pola súa doazón dun bono de noite mais almorzo no seu establecemento; ao Bar Queimada por unha comida para dúas persoas, ao Rincón del Gordo por unha cea para dúas persoas, ao Hotel Restaurante Javier – Montero polos seus descontos do 30 % para quen se aloxe no establecemento, a Farmacia Monte Iglesias polos seus lotes de parafarmacia para a saúde dos corredores, a Miss-tic polo regalo de 10 fulares e a R23 polo regalo de 1 vale dun 40% de desconto”.
Hoxe tivo lugar o sorteo de tres deses premios: “concretamente a estancia doada por Hotel Mi Norte, a cea doada por El Rincón del Gordo e a comida doada por Bar Queimada. Estes premios foron sorteados entre o total dos dorsais participantes na Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que son concretamente 729; e recaeron no dorsal 724, Manuel Villasuso Rodriguez, gañador da estancia para dúas persoas en Hotel Mi Norte; no dorsal 137, pertencente a Iria Aldao Prada, á que lle tocou a cea para dúas persoas en El Rincón del Gordo; e co dorsal 614 Marco Antonio Ortega Urueña gañador da comida doada polo Bar Queimada”, sinalou Jesús Pérez.
Na presentación das medallas conmemorativas da IX Media Maratón Ribadeo-As Catedrais participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico de Deportes, Iván López, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.