
Acisa Ribadeo organiza o vindeiro luns, 16 de novembro, unha xornada sobre dixitalización, intelixencia artificial e seguridade no comercio, e mantén en marcha as campañas Enche o depósito con Acisa e Ribadeo na túa man.
Segundo explicou o xerente da entidade, Jesús Pérez, “Acisa Ribadeo mantén durante este mes de novembro unha intensa axenda de actividades. En primeiro lugar o vindeiro luns, 16 de novembro, organizamos unha xornada sobre dixitalización, intelixencia artificial e seguridade no comercio, que terá lugar de 16:30 a 18:00 horas no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo. Denomínase Comercio Conectado: vender, innovar e protexerse no mundo dixital e contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia e especialistas en dixitalización e consumo”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “a xornada contará coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez; e de Jaime Barreiro, de CactusDigital. O encontro estará presentado e moderado por Silvia Crespo”.
Cruzado sinalou que “esta iniciativa pretende achegar aos comerciantes, empresarios e profesionais ferramentas prácticas para afrontar os cambios nos hábitos de consumo, aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e mellorar a seguridade dos seus negocios na contorna dixital. Durante a sesión abordaranse tres grandes cuestións de especial interese para o comercio local: a dixitalización e a aplicación da intelixencia artificial aos negocios, a venda por internet e os dereitos das persoas consumidoras, e a protección dos establecementos fronte aos riscos e fraudes dixitais. Ademais, ofreceranse algunhas pinceladas sobre as axudas que a Xunta de Galicia prevé convocar para o ano 2027”.
A presidenta engadiu que “entre os contidos previstos figuran as aplicacións prácticas da intelixencia artificial na comunicación, a creación de contidos, a atención á clientela e a organización empresarial. Tamén se analizarán as obrigas legais relacionadas co comercio electrónico, as devolucións e garantías, así como cuestións de ciberseguridade, prevención de fraudes e protección de contas e dispositivos”.
As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico info@apegalicia.es ou do teléfono 986.891.657.
Pérez Prada lembrou que “tamén temos en marcha a campaña Enche o depósito con Acisa, que permite conseguir descontos na estación de servizo do Grupo Valcarce en Ribadeo. Por compras ou consumicións superiores a 20 euros nos establecementos asociados, a clientela pode obter tarxetas de desconto de 10 céntimos por litro de combustible sobre o prezo de surtidor”.
O xerente dixo que “ademais, estamos a desenvolver a campaña Ribadeo na túa man, unha iniciativa de reportaxes nas redes sociais, en colaboración con Aquí Diario, coa que durante varias semanas daremos a coñecer dunha maneira máis próxima os nosos establecementos asociados. A través destes vídeos, os negocios participantes mostrarán os seus produtos, instalacións, servizos e todo aquilo que os fai especiais. E nos próximos días desvelaremos algunha novidade que cremos que fará aínda máis interesante esta iniciativa”.
E engadiu: “tamén segue en marcha O Gran Sorteo do Pequeno Comercio, unha campaña na que, en colaboración coa Federación de Comercio e a Deputación de Lugo, se sortea un coche híbrido entre a clientela que realice compras superiores a 10 euros. A isto súmase a campaña das Panchas, promovida polo Concello de Ribadeo, coa colaboración de Acisa e a Xunta de Galicia, que permite obter 40 euros para gastar nos máis de 82 negocios participantes pagando só 30 euros. Nesta campaña Acisa ofrece asesoramento a calquera cidadá que o precise”.
O xerente de Acisa declarou: “con todo isto queremos trasladar unha mensaxe moi clara: durante este mes de novembro non hai mellor lugar que Ribadeo para facer as túas compras ou consumicións. Aquí ofrecemos descontos en combustible, a posibilidade de gañar un coche, máis capacidade de compra e aforro grazas ás Panchas e numerosas oportunidades para coñecer e apoiar os nosos negocios locais. E aínda quedan novidades a finais de mes para ir dándolle a benvida ao Nadal das que informaremos no seu momento. Desde Acisa seguimos traballando para que Ribadeo sexa un referente comercial e hostaleiro, cunha oferta atractiva, competitiva e dinámica durante todo o ano. Queremos que tanto os ribadenses como as veciñas e veciños da nosa contorna e os visitantes atopen sempre motivos para mercar, consumir e gozar de Ribadeo”, concluíu o xerente da asociación.


