
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo pon a disposición dos seus asociados de hostalería novos materiais gratuítos. Trátase de 15.000 envases de comida para levar, destinados a “facilitar o día a día dos establecementos e contribuír á redución dos desperdicios alimentarios”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou: “poñemos un ano máis novos materiais gratuítos a disposición dos nosos socios e socias. Nesta ocasión trátase de 15.000 envases de comida para levar. Desde Acisa quixemos repetir este esforzo especial para poder axudarlle á hostalería, pensando en aforrarlle custos no seu día a día durante practicamente todo o ano. Por este motivo poñemos á súa disposición estes novos envases de xeito gratuíto, xa que son materiais moi empregados e demandados durante todo o ano”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, subliñou: “estamos a falar de 15.000 envases de comida para levar, cunha capacidade de 1.900 cc, fabricados en aluminio e aptos para o seu uso no microondas. Nesta ocasión con tapa personalizada sobre as Xornadas do Mexillón. Son 3.000 unidades máis que as repartidas o pasado ano. Aqueles establecementos hostaleiros que precisen estes materiais poden pasar a recollelos durante todo o ano pola oficina de Acisa. Estes envases non só contribúen a aforrar custes aos negocios asociados, senón que tamén forman parte da liña de traballo de Acisa en materia de sostibilidade. Neste caso, axudan a evitar o desperdicio alimentario na hostalería, facilitando que os clientes poidan levar para a casa os alimentos que non consuman, ao tempo que fomentamos e facilitamos o servizo de comida para levar”.
O xerente de Acisa indicou que “o investimento realizado está preto dos 5.000 euros, que podemos afrontar grazas ao financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural e Mar. Facemos un esforzo moi importante desde Acisa para dotar os nosos asociados deste material de xeito totalmente gratuíto, porque cremos e temos acreditada a súa gran utilidade e por iso priorizamos este tipo de accións dentro da nosa programación. Entendemos, ademais, que estamos diante dunha vantaxe máis para que novos negocios que decidan instalarse en Ribadeo valoren o feito de asociarse a Acisa”.
Cruzado Iglesias declarou: “queremos darlle ás grazas á Área de Medio Rural e Mar polo seu apoio para poder facer entrega destes materiais entre os hostaleiros asociados e para desenvolver as xornadas do mexillón, que terán lugar do 2 ao 4 de outubro. Será a terceira vez que se desenvolva unha cita destas características, grazas á axuda da Vicepresidencia da Deputación. As primeiras foron as da lura, as segundas as da ameixa e agora chegan estas do mexillón. A achega deste ano ascende a 10.000 euros, cos que puidemos adquirir tanto os envases, que presentamos hoxe, como o mexillón destas xornadas”.
Na presentación dos envases participaron o deputado da Área de Medio Rural e Mar, Dani García, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente da asociación, Jesús Pérez, e o concelleiro ribadense Martín Graña.
Ademais a presidenta de Acisa subliñou que “todo está listo para as xornadas gastronómicas do mexillón nas que participan 25 establecementos asociados. Vanse repartir arredor de 1.100 quilos de mexillón fresco, acabado de recoller das bateas das rías galegas e traído e comercializado por un provedor local, o noso socio Mariscos Ribadeo. Isto supón arredor de 45 quilos deste bivalvo por establecemento participante”. Os 25 establecementos participantes son: Ramonita, El Huerto, Parador, La Solana, Marinero, Galipizza, Porto de Rinlo, O Lar de Manolo, Barallocas, A Mirandilla, Javier Montero, Kummel, A Quinta, Queimada, A Horta de San Roque, Náutico, O Indiano, San Miguel, El Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Balastrera, O Lar de Carmiña, O Furancho, Mar de Rinlo e Ribanzo.


