Cervo acollerá os terceiros campionatos galego e interautonómico de Kung Fu este sábado, 27 de xuño

O Concello de Cervo, en colaboración coa Federación Galega de Kárate, acollerá o III Campionato Galego de Kung Fu e o III Interautonómico desta mesma disciplina, este próximo sábado, día 27 de xuño.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou o evento acompañada do director Nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Kárate, Miguel Ángel Rojo, veciño tamén do municipio.

O Concello de Cervo anuncia que “hai xa máis de 150 inscricións de toda Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Madrid. A proba disputarase a partir das 10:00 horas no Pavillón do CEIP Península da Paz. A competición depende do departamento de Kung Fu da Federación Galega de Kárate , os participantes competirán nas modalidades de Taolu (formas ao aire) con armas e man baleira e Taishou (combate). Ademais, na modalidade de Tao Lu, haberá competición individual e por parellas.

A alcaldesa tivo palabras de agradecemento para a Federación Galega de Kárate e, de maneira especial, “a implicación de Miguel Ángel Rojo, veciño de Cervo e gran impulsor desta disciplina, que fai posible que poidamos desfrutar dun evento destas características no noso concello.”

“Animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten durante a fin de semana a achegarse ao Pavillón do CEIP Península da Paz para gozar dun espectáculo deportivo de gran nivel. Ademais de promover valores como o esforzo, a disciplina e o respecto, este campionato é unha magnífica oportunidade para achegar o kung fu ao público en xeral”, engadiu a rexedora municipal de Cervo.