Cervo celebra o seu Mercado de Nadal este sábado, 14 de decembro

A Praza do Souto será este sábado, 14 de decembro, o escenario do tradicional Mercado de Nadal de Cervo, organizado pola asociación Airiños do Xunto coa colaboración do Concello.

O Concello de Cervo anuncia que “a cita arrincará ás 10 da mañá e prolongarase durante toda unha xornada na que se darán cita diferentes postos de alimentación e artesanía, e haberá moita animación musical e tamén sorteos entre o público asistente. Ademais haberá unha edición especial da Ruta de Petiscos Cervo-Sargadelos xa desde o mediodía, con tapas elaboradas na Sacabeira, na Taberna de Sargadelos, no Almacén e no Caseto de Copa, a un prezo de 2,5 euros. Durante o Mercado tamén está prevista a entrega de premios do certame de postais de Nadal. A convocatoria será ás 19:00 horas e a continuación haberá unha actuación infantil pensada para desfrutar en familia: Historias dun mundo grande, protagonizadas pola cadeliña Becki que nos contará as súas viaxes e vivencias desde a súa biblioteca”.

O Concello de Cervo anima a veciños e a visitantes a participar neste Mercado de Nadal que “é o pistoletazo de saída para un programa repleto de actos para todos os públicos, en colaboración coas diferentes asociación do Concello. Este mercado é unha oportunidade única para pasar o día en familia e entre amigos nunha contorna espectacular como é a Praza do Souto e a aldea de Cervo”.