Cervo celebrará o 20 de xuño a XVII Exaltación da Carne de Porco, que organiza Airiños do Xunco

Cervo será o escenario da XVII Exaltación da Carne de Porco, “unha cita xa consolidada no calendario festivo e gastronómico do municipio que se celebrará o vindeiro sábado 20 de xuño da man da Asociación Cultural Airiños do Xunco”, anuncia o Concello de Cervo.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e os concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández, xunto a membros de Airiños do Xunco, na propia Praza do Souto, que será o escenario da cita.

A rexedora puxo en valor o labor que desenvolve Airiños do Xunco na dinamización social e cultural da parroquia e do conxunto do municipio: “é de xustiza recoñecer o enorme traballo que realiza Airiños do Xunco ao longo de todo o ano. Grazas ao compromiso das persoas que forman parte desta asociación, Cervo conta con actividades que contribúen a manter vivas as nosas tradicións, a fortalecer os lazos entre xeracións e a dinamizar a vida social da localidade, neste caso arredor un dos produtos máis representativos da nosa gastronomía popular”, destacou a alcaldesa, que agradeceu “a implicación da entidade organizadora e de todas as persoas colaboradoras que fan posible a celebración deste evento”.

A programación arrincará ás 12.00 horas cunha degustación de tapas elaboradas a base de carne de porco nos diferentes establecementos colaboradores. Así, na Sacabeira serviranse albóndegas e orella con pementón; no Almacén ofrecerán ensalada de andares selectos e fígado; e no Caseto de Copa poderanse degustar guiso de costela e chourizo ó inferno.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, celebrarase a tradicional Exaltación da Costela de Porco, cunha ración composta por costela, chourizo, pan e viño por un prezo de 7 euros. Ademais, a organización anunciou que haberá diferentes sorteos ao longo da xornada.

A festa culminará ás 22.00 horas coa celebración do Guateque de Arruguiñas, amenizado polo Dúo Eclipse.

A XVII Exaltación da Carne de Porco está organizada pola Asociación Cultural Airiños do Xunco e conta coa colaboración do Concello de Cervo.