
A hostalaría de Cervo, en colaboración co Concello, pon en marcha unha nova edición dos Petiscos, unha iniciativa gastronómica que regresa este venres, día 6 de marzo, coa participación do Caseto de Copa e da Pousada O Almacén, co obxectivo de dinamizar a hostalaría local e fomentar o consumo nos establecementos do municipio.
A nova edición foi presentada na Casa do Concello coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramén, e de Elsa Fernández e Tomás Mariño, en representación dos locais participantes.
O Concello de Cervo anuncia que “como principal novidade desta tempada, ademais da tapa habitual, cada venres ofrecerase tamén unha pulga, ampliando así a proposta gastronómica. A iniciativa desenvolverase ao longo da tempada e, como incentivo á participación, ao remate da ruta sortearase un lote de viño e un xamón entre todas as persoas que participen. Para este primeiro venres, as propostas culinarias serán as seguintes: Pousada O Almacén, de tapa terá caldeirada e de pulga ofrecerá lombo con queixo; e Caseto de Copa, de tapa, lombo ao gorgonzola con arroz branco; e de pulga, mini burguer”.
Dende o Concello de Cervo anímase á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio “a participar nesta proposta culinaria, apoiar á hostalaría local e desfrutar dos venres con sabor a Cervo”.


