
O Concello de Viveiro inaugura este martes, 19 de maio, a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, unha mostra que poderá visitarse nos xardíns de Noriega Varela ata o próximo 9 de xuño e que achega ao público a historia e evolución das orquestras de verbena galegas ao longo do último século.
“A exposición, organizada pola Biblioteca de Galicia e comisariada por Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira, realiza un percorrido pola evolución das orquestras galegas desde as primeiras bandas de música e jazz bands das primeiras décadas do século XX ata os actuais espectáculos audiovisuais que continúan enchendo festas e verbenas por toda Galicia e tamén fóra dela”, anuncia o Concello de Viveiro, que engade: “a través de programas de festas, fotografías, carteis, discos de vinilo, casetes e outros materiais pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia, a mostra amosa como a emigración, os intercambios culturais e a evolución musical foron transformando as verbenas galegas sen perder a súa esencia popular e comunitaria”.
Desde o Concello de Viveiro animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse durante estas semanas aos xardíns de Noriega Varela para descubrir unha exposición “que nos leva de volta á memoria compartida das festas, da música e dos encontros, poñendo en valor unha parte fundamental da nosa identidade e da emoción colectiva de varias xeracións”.


