Gandeirías de Barreiros, Muras, Lourenzá, Valadouro e do Occidente asturiano participarán na Feira de San Rosendo, que se celebra esta fin de semana en San Miguel de Reinante, en Barreiros.
A área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros colaboran coa comisión organizadora desta feira tradicional que terá o seu día grande o domingo, co mercado gandeiro e vinte postos de artesanía e produtos agrogandeiros na Praza de San Miguel.
A apertura do mercado iniciará unha xornada na que, ademais da entrega de 2000 euros en premios aos mellores exemplares e lotes, acollerá outras actividades paralelas ligadas ao mundo do cabalo, como un certame morfolóxico, organizado por Puraga, que puntúa para o campionato galego, e unha xincana de xogos ecuestres, que conta coa colaboración de Xinetes de Remourelle.
Como preludio á feira, o sábado, prepárase unha xornada lúdica, con sesión vermú, un aberto de billarda e verbena.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida coincidiron en valorar “a iniciativa e o esforzo desinteresado da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a gandeiría e as razas autóctonas” e en destacar “o papel que esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”.