
A compañía Matrioshka Teatro representará a obra titulada Fala fala falangueira en Viveiro, este sábado, día 10 de maio. Será ás 18:00 horas no Teatro Pastor Díaz, con entrada de balde ata completar aforo.
O Concello de Viveiro explica que “Matrioshka Teatro nace no ano 2013 a lume lento, da man de tres actrices (Anabell Gago, Chelo do Rejo e Lorena Conde) para facer un teatro onde as intérpretes están no centro da creación”.
“Apostamos por camiños intermedios, por linguaxes mesturadas que transitan neses lugares de intersección, de recollida e cruzamento entre o teatro máis clásico e o contemporáneo. Buscamos facer un teatro que amose de onde vimos e nos oriente cara onde vamos. Alimentámonos do legado das xeracións que foron antes ca nós. Repousamos o vivido, e tratamos de compartilo coas persoas que están, pensando sempre nas que virán. Somos teatro de partillar e coidar. Mulleres que abrazan, mulleres que acubillan coma nós fomos acubilladas por outras”, di Matrioshka Teatro.
E Fala fala falangueira é o último espectáculo da compañía e representarase este sábado, 10 de maio, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política lingüística, polo que as entradas serán de balde ata completar o aforo.
A sinopse da obra é a seguinte: “o mundo das palabras amosado por dúas actrices que exploran como foron transmitidas de xeración en xeración, de Matrioshka a Matrioshka, que se moven entre a luz da memoria e do esquecemento, unhas usadas dende hai séculos, outras xa esquecidas, e outras recén estreadas, configurando momentos de diversión e reflexión, creando combinacións que abren as portas da curiosidade sobre a historia da nosa lingua entre o público familiar e infantil a partir de 7 anos. Fala fala falangueira é un espectáculo que nace do amor e respecto á nosa lingua galega”.