
As charlas sobre saúde volven ao programa Preto de Ti, do Concello de Ribadeo, co lema Aprende e mellora a túa saúde. A primeira, que versará sobre a prevención de accidentes domésticos, terá lugar o 5 de novembro en Ribadeo ás seis da tarde, o día 6 en Cedofeita ás catro da tarde, o 10 en Cinxe ás catro da tarde e o día 11 en Vilaselán ás seis da tarde.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, explicou que “o programa Preto de Ti retoma as súas actividades formativas sobre hábitos saudables e coidados persoais, nesta ocasión baixo o lema Aprende e mellora a túa saúde, xa que a través do coñecemento podemos facer cambios positivos para estar máis saudables e reflexionar sobre os estilos de vida”.
A enfermeira María Roel, do departamento de Benestar Social, Saúde e Familia do concello de Ribadeo, será a encargada de impartir unha nova serie de charlas centradas na prevención de accidentes domésticos, o coidado do fogar e os primeiros auxilios básicos. Durante as sesións, explicarase como actuar ante situacións comúns no fogar, como queimaduras, atragoamentos, caídas ou intoxicacións por mesturar produtos de limpeza.
Sierra anima a toda a veciñanza a participar nestas actividades, que teñen como obxectivo promover o coidado persoal e o benestar dentro do fogar: “o benestar comeza por coidarse un mesmo, ter unha boa calidade de vida na propia casa é fundamental. O principal obxectivo destas charlas é a promoción da saúde e proporcionar á poboación ferramentas que lles permitan mellorar o seu benestar e coidar da súa saúde de forma activa e responsable no seu día a día”.
 
        

