Dende o martes día 20 ata o venres 23 de agosto serán máis de 20 negocios participantes os que liquidarán todo o stock de temporada cuns descontos incribles, chegando ata o 70 ou 75% en varios casos.
Desde o CCH de Viveiro indican: “trátase de converter a recta final da tempada de rebaixas nunha feira de stocks ofrecendo grandes descontos. Para facelo máis chamativo unha parte dos negocios participantes sacarán os artigos á rúa, colocándoos diante das fachadas dos seus negocios para que a xente poida ollar directamente os produtos e os fantásticos descontos que teñen. A gran variedade de tendas que se suman a esta campaña fan que sexa todo un reclamo para os clientes que poden atopar verdadeiras gangas en artigos de calidade e primeiras marcas”.
Participan locais de moda, calzado, complementos, infantil, lencería e mercería, xoias, mobles e decoración. Para aproveitar estas oportunidades “animamos ós clientes a que se acheguen ata o Centro Histórico de Viveiro esta semana, paseen polas nosas rúas, desfruten da amplía variedade comercial mercando con fantásticos descontos e de paso desfrutar da hostalaría da vila e da nosa gastronomía”. Os locais participantes estarán identificados con carteis de cor azul e amarelo co nome da campaña. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles negocios nos que poderá desfrutar da liquidación de stocks.