
O colectivo artístico ribadense As Vacas Fracas organiza o evento Cedofestiña o día 30 de agosto, sábado, no pazo da parroquia de Cedofeita (Ribadeo).
Desde as 12:00 horas haberá obradoiros, visitas guiadas ao pazo, xantar campestre e actuacións musicais.
“A Cedofestiña é o noso evento insignia: unha xornada para celebrar a arte nun espazo tan especial como o Pazo de Cedofeita. Cada edición xira arredor dunha disciplina artística distinta... e este ano tocáronlle ás artes escénicas, danza e movemento. As persoas encargadas de traer esta disciplina ao Pazo serán Lucía Álvarez e a compañía asturiana Merakicía. Este ano arrincamos un chisco antes, a hora do vermú, cunha programación pensada para toda a familia: obradoiros para nenxs e maiores, foliada con Gaiteiros do Clan, visitas guiadas ao pazo (en dobre pase!), xantar campestre; e pola noitiña actuacións, concertos e dj: Miguel Alberte, Inés de Lis, Carabale e e dj por confirmar. Como cada ano haberá bebida, petiscos e ,como novidade, comida da man de Galipizza, aos que estamos moi agradecidas. Os obradoiros, visitas e performances teñen prazas limitadas. Se queres participar, escribe ao 604.07.27.46. Gañas de vervos e de compartir este día tan especial con vós!”, anuncian As Vacas Fracas.