O Concello de Cervo pon en marcha Actívate en Xuño, unhas xornadas para promover o exercicio físico entre a veciñanza

O Concello de Cervo pon en marcha a iniciativa Actívate en Xuño, ofrecendo durante todo este mes actividades de balde, abertas a toda a poboación, tanto en Cervo como en San Ciprián.

Tal e como explicou a alcaldesa, Dolores García Caramés, que presentou o programa acompañada das monitoras Belinda Canoura e Nuria Torrado, “trátase dunhas xornadas de portas abertas para achegar a toda a poboación as nosas escolas deportivas municipais que clausuramos neste mes de maio e que rexistraron ademais unha participación de récord nas diferentes actividades. Unha proposta que dá continuidade, pois, ás actividades desenvolvidas ao longo de todo o curso e que pretende achegar estas disciplinas a novos públicos, fomentando así os hábitos de vida saudable e o exercicio físico en todas as idades”.

O programa de actividades para este mes de xuño contempla ioga en Cervo, e tamén en San Ciprián, onde ademais impartiranse pilates e corpo activo.

As persoas interesadas en asistir ás actividades, que arrincarán o luns 2 de xuño, tan só teñen que presentarse ao inicio de cada sesión, ou ben na Casa do Mar ou no Edificio dos Xulgados, segundo corresponda.

A rexedora engadiu: “con esta proposta queremos convidar a toda a veciñanza a participar, probar as actividades e coñecer de preto o funcionamento das escolas deportivas. A resposta durante este curso foi extraordinaria e agora queremos seguir sumando xente e creando comunidade a través do deporte”.