
O Concello de Cervo vén de convocar unha nova edición do programa Voluntariado Miúdo VI, unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 12 e 15 anos coa que se pretende fomentar a participación activa dos máis novos na vida social, cultural e comunitaria do municipio durante o verán.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ao IES Marqués de Sargadelos para explicarlle ao alumnado en primeira persoa os detalles desta proposta, animándoos a formar parte dunha experiencia que “promove valores como a solidariedade, a responsabilidade e o compromiso coa contorna”.
As persoas participantes poderán colaborar ao longo do verán en diferentes actividades organizadas polo Concello, entre as que destacan o apoio ao programa Cervo Concilia, a participación nas Noites Alternativas de Verán e a colaboración noutras actividades de carácter social, cultural e lúdico que se desenvolvan no municipio. Precisamente a rexedora destacou que este programa “supón unha oportunidade para que moitos dos rapaces e rapazas que durante anos participaron como usuarios e usuarias no Cervo Concilia poidan seguir formando parte desta iniciativa agora desde outro papel. Deste xeito os mozos e mozas teñen a oportunidade de colaborar co programa no que medraron, adquirindo novas responsabilidades e converténdose nun apoio para os máis pequenos, ao tempo que reforzan valores como a cooperación, a solidariedade e o compromiso coa comunidade”.
A través desta iniciativa o Concello de Cervo busca ofrecer á mocidade “un espazo de aprendizaxe, convivencia e participación activa, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento de experiencias enriquecedoras que favorezan o seu crecemento persoal e social”.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura.


