
O Concello de Viveiro porá en marcha este mércores, día 10 de decembro, ás seis da tarde, un novo ciclo de charlas para familias. A programación “está orientada a ofrecer ferramentas e información práctica sobre educación, convivencia e benestar da mocidade”. Os encontros celebraranse na Sala Multiusos da Casa do Concello e a entrada será gratuíta ata completar aforo.
A primeira charla, titulada Tecnoloxía e rapazada. Riscos, límites e uso responsable, será impartida por Ramón Peña, especialista en formación sobre seguridade dixital. No acto participarán Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, e o director do Centro de Formación e Recursos de Lugo.
Mariña Gueimunde subliñou a importancia desta iniciativa: “as familias enfróntanse cada día a novos retos: o uso das pantallas, a convivencia, a saúde emocional ou as dinámicas sociais da infancia e da adolescencia. Con este ciclo, queremos ofrecer apoio, información e acompañamento profesional nun espazo de confianza e diálogo”.
O Concello de Viveiro anuncia tamén que "o programa continuará entre xaneiro e maio con sesións sobre ciberacoso, límites educativos, puberdade e prevención de adiccións. As charlas serán impartidas por profesionais de referencia en cada ámbito".


