A axenda cultural do primeiro trimestre do novo ano en Ribadeo arrinca este venres, 3 de xaneiro, coa presentación dunha publicación manga e o sábado Lila Teatro presentará O cachopo máxico para o público familiar ás 17:30 horas no Teatro. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que seguirá o ciclo de música nas parroquias; haberá concertos con Habeles Hainas, De Vacas ou Davide Salvado e Fransy González; haberá teatro para xs nenxs e para adultos con Sarabela Teatro ou Os Quinquilláns. E ata Ribadeo chegará o actor e humorista galego Carlos Blanco.
Otero Cabarcos dixo que “comezamos o ano con moita ilusión e forza. Desta volta inauguramos a nosa programación cultural cunha presentación dunha publicación manga da man de dúas artistas moi novas, Ran e Kurohaine, este venres, día 3, ás 20:30, na Casa do Mar. E como nestas datas a cativada é a protagonista, de seguido o sábado 4 ás 17:30 horas Lila Teatro presenta O cachopo máxico, para público familiar. E para o día seguinte, xa temos emocións aseguradas coa chegada dos Reis Magos á nosa vila”.
A edil de Cultura contou que “seguimos neste primeiro trimestre do ano co ciclo de música nas parroquias, xa que continuamos a apostar pola arte en comunidade, aproveitando todos os espazos que temos e debemos conservar, como parte do noso patrimonio en arquitectura de usos sociais. Así desta volta o Cuarteto Illa Pancha estará na escola de Vilaselán o domingo 12 de xaneiro ás 17:30 horas e as Pandereteiras da Asociación Cultural Amigos da Gaita o domingo 26 na escola de Remourelle”.
A concelleira ribadense subliñou que “a nosa preocupación polo patrimonio arquitectónico non se cingue a explotar os lugares de uso sociocultural. Cremos que a chave de calquera mellora pasa pola formación. Por iso, en modo audiovisual, que ás veces é como mellor entra a información, polos ollos e os oídos, proxectamos o 24 de xaneiro, primeiro para o alumnado de Ribadeo, o documental Estruturas, de Paco Gallego e Xosé Bocixa, e despois pola tarde para o público xeral. Esta proxección ten unha continuación e un peche coa charla do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de Apatrigal e creador da conta de Facebook Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe, o día 31 no IES Dionisio Gamallo, centro que visitará tamén a escritora Eli Ríos o 16 de xaneiro para presentar a súa obra Remexido de patacas. No mes de xaneiro publicaremos as bases do IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas do Concello de Ribadeo, que se resolverá no mes de marzo”.
A música estará moi presente na axenda cultural de Ribadeo no primeiro trimestre deste recén estreado 2020: “en canto á proposta musical, o 18 e 19 de xaneiro convidámosvos a aprender e divertirvos no quinto curso de música tradicional galega, organizado pola Asociación Cultural Ronqueta, que desta volta se vai desenvolver no Auditorio municipal. Este será un trimestre no que a pegada tradicional na música virá da man de grandes artistas. Indo de final ao comezo no calendario: o 28 de marzo con Davide Salvado e Fransy González; o 15 de febreiro coas Habelas Hainas, e o día 6, pechando as Xornadas de Igualdade, organizadas polo CIFP Porta da Auga, teremos o concerto de De Vacas. Convén sabermos de onde vimos para nos encamiñar cara a onde desexemos chegar. Precisamente para valorarmos o noso e sentirmos orgullo do que somos agora e do que fomos no pasado, Miguel Muniz preséntanos as súas fermosas e sutís fotografías na exposición , Raíces, que estará na Sala de Turismo do 7 ao 29 de marzo. Tamén na oficina de turismo o día 2 de febreiro celebrarase o Día dos Humidais, porque ademais do patrimonio cultural, artístico e arquitectónico non podemos esquecer, sobre todo nestes momentos, o noso patrimonio biolóxico”.
Pilar Otero seguiu a relatar: “e falando de patrimonio cultural, temos que lembrarlle a toda a veciñanza ribadense que para organizar a semana do Entroido (do 22 ao 29 de febreiro) precisamos da súa axuda e a día de hoxe non hai ningunha comisión organizadora, así que animamos a todas as persoas dispostas a botar unha man e a darlle unha volta ao Entroido que se acheguen ao concello para tentar formar unha nova comisión”.
O teatro tamén estará presente neste trimestre en Ribadeo: “o 1 de febreiro temos risas aseguradas con Carlos Blanco e de seguro que tamén gozaremos o 21 de febreiro cos Quinquilláns e a súa versión Language planning da obra de Sechu Sende, Made in Galiza, que todo o alumnado ribadense de 4º de ESO e 1º de BAC (tanto do Colexo Sagrado Corazón de Jesús coma do IES Dionisio Gamallo) pode recoller na biblioteca municipal no seu horario habitual”.
Pilar Otero engadiu que “a música clásica protagoniza o 8 de marzo co concerto de Metamorphoses no Teatro, a cargo de Jean Johnson, ao clarinete, Roeland Jagers, á viola, e Ilona Timchenko, ao piano. En canto ao teatro para público adulto a compañía Sarabela Teatro presenta Crónicas do Paraíso o 15 de marzo no auditorio municipal e a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza a representación por parte de Os Quinquilláns de A pluma viva de Rosalía, o día 22 de marzo no Teatro. Rematamos esta presentación da axenda cultural de Ribadeo dándolle protagonismo de novo ao público infantil, que poderá divertirse con varias propostas teatrais ao longo do trimestre (O cachopo máxico, con Lila Teatro, o día 4 de xaneiro; Puño Puñete, con Baobab Teatro, o día 9 de febreiro; Cousas de catro, con Odaiko, o 1 de marzo) e coa Matronatación os días 3, 10, 17 e 24 de marzo”.
A concelleira de Cultura tivo palabras de agradecemento para as institucións e entidades que colaboran para que esta programación cultural sexa unha realidade: “unha parte importante desta proposta conta coa colaboración de entidades como A Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a través dos programas Apego e Xacobeo 2021. Colaboran tamén AGADIC, a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Agrupación Cultural Francisco Lanza e a EMMDR”.