
O deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e Esteban Girón, membro da organización do Resurrection Fest, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos (Lugo) a vixésimo primeira edición do festival. A cita internacional do hardcore, metal e punk celebrarase do 1 ao 5 de xullo e contará un ano máis cun patrocinio de 150.000 euros da Deputación de Lugo, institución que apoia este evento desde a súa primeira edición.
Rivera Capón puxo en valor o crecemento experimentado polo Resurrection Fest e a proxección internacional que lle achegou á Mariña e á provincia de Lugo, ao tempo que lembrou a figura do entón alcalde Melchor Roel, que “soubo ver unha oportunidade onde outros podían ver unha aventura incerta”. Salientou que o Resurrection Fest é “un claro exemplo de como a cultura pode crear riqueza, actividade económica e emprego, ao tempo que dinamiza sectores estratéxicos como a hostalería, o comercio ou os servizos”. O deputado subliñou que o apoio da institución responde tamén ao “compromiso cun modelo de turismo sostible, de calidade e vinculado ás experiencias”.
Segundo explicou Esteban Girón, esta edición pasarán polo festival máis de 140.000 persoas ao longo dos catro días de celebración. O cartel reúne a 100 bandas de todo o mundo, que actuarán durante 12 horas diarias nos catro escenarios habilitados, convertendo o campo de fútbol de Celeiro “nun pequeno parque temático”.
A Deputación destaca que no XXI Resurrection Fest “haberá público de máis de 40 países, reforzando a súa dimensión global cunha alta demanda internacional de entradas e aloxamento na comarca. Repítese a iniciativa das vodas dentro do festival, que xa suma máis de 1.500 persoas inscritas, converténdose nun dos elementos máis singulares do evento a nivel europeo”.
O cartel desta edición estará encabezado por Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Sabaton, Anthrax, Trivium, A Day To Remember, Mastodon ou Testament, entre outros artistas de referencia do panorama internacional do rock e do metal.


