A Ría de Viveiro acolle o 18 de agosto a cuarta regata da Copa Deputación de Piragüismo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega á Ría de Viveiro a cuarta regata da Copa Deputación de Piragüismo, impulsada pola área de deportes coa participación dos clubs e da Federación Galega de Piragüismo. A proba, que se celebra este domingo 18 de agosto, está organizada polo Club de Piragüismo de Viveiro. 

Na proba competirán 220 palistas de diferentes categorías desde prebenxamín ata xuvenil dos seis clubs de augas tranquilas da provincia -Club Kayak de Foz, do CP Urban Hotel Viveiro, CP Altruán de Ribadeo, CP San Ciprián, Club Fluvial de Lugo e Cidade de Lugo-. As saídas faranse de forma escalonada e por categorías a partir das 16.00 horas e ata as 20.00 horas, que se realizará a entrega de medallas.

O deputado de Mocidade Daniel García convidou ás afeccionadas e afeccionados a seguir a regata incluída na Copa Deputación e “que xa é un referente no calendario provincial. Desde a área provincial de Deportes tratamos de apoiar ese esforzo de forma integral, dando soporte económico a competicións como a liga provincial e impulsando tamén iniciativas formativas nos propios clubs e nos centros educativos”, explicou.

A competición organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.  

Cada regata é organizada por un club, facilitando así que a actividade deportiva pero tamén económica e social que xeran as probas, se distribúa por toda a provincia, especialmente, na comarca da Mariña, onde se concentran catro das probas.