
Ribadeo conta co primeiro taxi eléctrico da Mariña. José Fernández García, taxista desde hai quince anos neste concello, decidiu cambiar de coche “debido ao prezo desorbitado que está a ter o diésel. Despois de traballar con tres vehículos de gasóleo levo xa máis dun mes co eléctrico e o balance económico é moi positivo”.
Para José Fernández “o bo disto é poder cargar o taxi na casa. Eu dispoño dun cargador. Conto poder obter unha subvención de 8.500 euros en total da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, xa que están a apostar por este tipo de transporte”.
O taxista ribadense avoga “pola instalación dun cargador eléctrico na parada de taxis de Ribadeo. Estaría moi ben que desde o Concello se realizasen os trámites para poder contar con este sistema, que facilitaría que máis compañeiros puidesen optar por este tipo de vehículo”.
A Mariña e o Occidente asturiano contan con bastantes puntos de carga eléctrica: “hai unha app que nos indica onde están esas estacións de carga”. E pon como exemplo que “para unha viaxe duns 800 quilómetros é preciso facer dúas ou tres paradas de carga de 20 minutos cada unha”. Ata o momento “as viaxes máis longas que fixen neste mes foron a Ourense e a Cantabria”.
Fernández García subliña que “a condución do coche eléctrico é moito máis cómoda que con combustible, a contaminación destes vehículos é cero e o prezo non é desorbitado, sobre todo na marca pola que eu me decantei, que é Mazda”.
As viaxes diarias deste taxista ribadense discorren aos aeroportos de Asturias, Santiago e A Coruña, aos centros hospitalarios de Lugo e da Coruña, á praia das Catedrais: “son moitas as persoas que empregan o noso servizo, que lles dá acceso directo ao areal nas épocas nas que é preciso contar con pase para visitar a emblemática praia. Tamén peregrinos estranxeiros, que queren aproveitar o seu paso por Ribadeo para visitar As Catedrais, outros que deciden facer unha etapa en taxi, porque senón non lles dá tempo a chegar no itinerario e nos días que teñen destinados a facer o Camiño de Santiago. Hai de todo”. O taxi de José Fernández García tamén presta o seu servizo ao PAC de Ribadeo “para o traslado aos domicilios dos médicos de urxencias”.


