Ribadeo será escenario do 22 ao 27 de xuño do Campus de Tecnificación Breogán The Basket Dream

Este verán Ribadeo acollerá unha semana dedicada ao baloncesto, á aprendizaxe e á convivencia, deseñada para que os mozos e mozas se desenvolvan a través do deporte, compartindo valores, creando amizades e vivindo experiencias inesquecibles.

O campus ofrece tres modalidades adaptadas ás necesidades dos participantes:

Intensiva (10:00 – 14:00)
Enfocada no desenvolvemento técnico individual, inclúe traballo específico de fundamentos, adestramento por posicións, competicións e retos, co obxectivo de potenciar a mellora individual de cada xogador/a.

Externa (10:00 – 19:00)
Combina o traballo de tecnificación cunha experiencia máis completa. Inclúe adestramentos, comida, competicións e actividades complementarias como torneo 3x3, excursión á Praia das Catedrais e actividade de surf, ademais de espazos para a convivencia e a creación de novas amizades.

Interna
Pensada para quen desexe vivir unha experiencia integral. Inclúe aloxamento e pensión completa, adestramentos diarios, tecnificación individualizada, torneo 3x3, excursión á Praia das Catedrais, actividade de surf, gymkana, competicións e múltiples actividades complementarias, fomentando a convivencia continua entre xogadores e adestradores.
O campus contará coa participación de xogadores profesionais, que compartirán a súa experiencia cos participantes nun entorno baseado na aprendizaxe, o respecto, o compañeirismo e a paixón polo baloncesto.

As persoas interesadas en participar poden realizar as inscricións e obter máis información en www.thebasketdream.com, no teléfono 684 651 509 ou no correo electrónico: info@thebasketdream.com

O Campus de Tecnificación Breogán The Basket Dream foi presentado polo alcalde, Dani Vega, polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, e Alberto Carmona, axente de The Basket Dream.

Silvent anima “a todas as rapazas e rapaces que practican baloncesto a aproveitar esta oportunidade, que volve a Ribadeo, para perfeccionar as súas técnicas con adestramentos e competicións, ademais de gozar de diferentes actividades complementarias. É unha boa ocasión para compartir valores, experiencias e amizades”.