Todo está listo para a nova edición do comercio na rúa de Acisa Ribadeo, que terá lugar esta fin de semana: sábado 22 e domingo 23 de agosto

O Comercio na Rúa de Acisa Ribadeo volve este sábado e este domingo, 22 e 23 de agosto, “con grandes ofertas e descontos. Nesta campaña os establecementos participantes sacarán os seus produtos ao exterior dos negocios para ofrecer aos clientes grandes descontos e promocións especiais”.

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, lembrou que “o comercio asociado xa saíu á rúa os pasados 8 e 9 de agosto. E agora volvemos con esta campaña na que se dan cita Naná, For Friends, Fauna, Farfala, Bombones Moreno, Quero Colo, Bahía, Lucía Barro, Grissi, La Coqueta, Mimimó, Anais, Anivers, A Flote e Adele. Todos eles exhibirán os seus produtos na rúa para facilitar a súa visualización e achegar aínda máis as ofertas aos clientes”.

Jesús Pérez, o xerente de Acisa, dixo que “sen dúbida este sábado e este domingo será unha magnífica ocasión para achegarse a Ribadeo. Non hai mellor plan que pasear polas nosas rúas, descubrir as promocións e descontos do comercio local, facer as mellores compras do verán e completar a xornada desfrutando das terrazas, da nosa hostalería e da excelente gastronomía que ofrece Ribadeo”.

Desde Acisa Ribadeo agradecen “a implicación dos establecementos participantes nesta campaña, que permite ofrecer unha ampla variedade de descontos e promocións especiais”.

Comercio na Rúa é unha iniciativa organizada por Acisa coa colaboración do Concello de Ribadeo, Xunta de Galicia e Comercio Galego.