
Todo está listo para o II Half Triatlón Ribadeo, que terá lugar este sábado, 5 de setembro. No evento participarán arredor de 250 deportistas. Está organizado por Laetus Sport e conta coa colaboración do Concello ribadense.
Segundo explican os organizadores: “trátase dunha proba de carácter nacional puntuable para o ranking nacional de media e longa distancia e na que se disputará tamén o campionato galego nas modalidades Half Aquabike e Half Triatlón”.
A proba dará comezo na praia dos Bloques cun percorrido de natación de 1.000 metros para a distancia Short e 2.000 para a distancia Half, despois terá lugar un percorrido ciclista de 40 quilómetros e unha carreira a pé duns 10 quilómetros. Toda a información está dispoñible na páxina oficial: www.halftriatlonribadeo.com.
O concelleiro ribadense de Deportes, Francisco José Silvent, indicou que “esta proba está considerada un dos maiores expoñentes de turismo deportivo, xa que a maioría dos Half Triatlón que se celebran en España, unha vez consolidados, superan os 500 participantes. Son deportistas que acostuman a viaxar en familia e a permanecer na localidade un par de días, co que iso supón para os negocios e para economía local”.
O II Half Triatlón ocasionará diferentes modificacións no tráfico rodado ao longo de todo o sábado: “pedimos a veciñanza e visitantes que estean atentos ás sinais e ás indicacións da Policía Local, de Protección Civil e dos voluntarios e voluntarias que colaboran con este evento”.
No Concello de Ribadeo déronse cita o alcalde, Dani Vega, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, o técnico municipal de Deportes, Iván López, e Víctor Martínez, xerente de Laetus Sport.


