
As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario da V Carreira Popular Maruxaina, este sábado, día 19 de xullo, da man do Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.
Esta cita deportiva, puntuable para o circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run 25, foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e por varios integrantes do Club Deportivo San Ciprián na propia instalación na que se celebrará o evento a partir das 11:00 horas, sobre un circuíto de 200 metros para pitufos, 500 metros para benxamìns, 1.000 metros para alevíns, 1.609 metros para infantís e cadetes e de 5.000 metros para a proba absoluta, con saída e meta nas instalacións deportivas da Veiga, e que transcorrerá por un circuíto mixto, polas rúas de San Ciprián e o paseo do Torno.
As persoas interesadas en participar aínda se poden inscribir a través da ligazón https://sportmaniacs.com/es/services/inscription/iv-maruxaina---san-ciprin nas diferentes categorías.
O Concello de Cervo anima “aos afeccionados e profesionais do atletismo a que se anoten a esta carreira, que é unha oportunidade para desfrutar destas instalacións privilexiadas e tamén de descubrir doutro xeito a beleza do litoral do noso concello. Porque ademais do aspecto deportivo, a carreira é unha oportunidade perfecta para compartir unha xornada de lecer, fomentar hábitos de vida saudables e poñer en valor a nosa contorna natural e cultural”.