A X Gala do Deporte do Concello de Ribadeo, que será o 18 de marzo, contará coa presenza da atleta galega Julia Vaquero

A X Gala do Deporte do Concello de Ribadeo, que terá lugar o 18 de marzo, contará coa presenza da atleta galega Julia Vaquero.

O evento, que dará comezo ás 20:30 horas no pavillón de deportes, foi presentado polo alcalde, Dani Vega, polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e polo técnico municipal de Deportes, Iván López.

Silvent explicou que “a cita servirá para homenaxear a todas/os deportistas ribadenses polos logros conseguidos durante o pasado ano 2025. Serán 370 deportistas de 16 disciplinas diferentes”. O concelleiro de Deportes subliñou que “estará con nós unha figura destacada do atletismo como é a galega Julia Vaquero. Estivo especializada en probas de longa distancia e campo a través e conta cun importante palmarés deportivo en probas nacionais e internacionais”.

Silvent anima á cidadanía de Ribadeo a vivir de preto a X Gala do Deporte: “desde o Concello animamos ás veciñas e as veciños de Ribadeo a asistir o vindeiro 18 de marzo á Gala do Deporte, para renderlles homenaxe aos nosos deportistas, a esas rapazas e rapaces que levan ata o máis alto o nome de Ribadeo”.