Cinco novos músicos debutarán coa Banda Municipal de Ribadeo no concerto de Santa Cilla, que se celebrará este sábado no Cine teatro.

Cinco novos músicos debutarán coa banda municipal de Ribadeo no concerto de Santa Cilla, que se celebrará este sábado, día 22, ás 20:30 horas no Cine Teatro. O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester Martínez, anunciou que “este sábado, día 22 de novembro, que é xusto o día da patroa dos músicos, Santa Cilla, vai ter lugar o concerto na súa honra por parte da Banda Municipal de Música de Ribadeo no Cine Teatro ás oito e media da tarde. Este ano, como novidade, a xente pode ver polas rúas que os carteis que anuncian o concerto inclúen un dos debuxos feitos por rapaces dos colexios de Ribadeo”. Nesta ocasión o debuxo elixido é o realizado por Estela Bravo Montero, alumna de sexto de Primaria do colexio Gregorio Sanz.

David Ballester engadiu que “como case todos os anos facemos neste concerto, xa que é dedicado á patroa dos músicos, é imprescindible que algúns dos compoñentes da banda actúen como solistas. Este ano serán José Luis Pulpeiro, coa trompa, e Alba González, interpretando unha obra para frauta e banda. E tamén como case todos os anos aproveitamos esta data para que a banda se faga un pouquiño máis grande e nesta ocasión vamos ter a sorte de que van formar parte da banda 5 novos compoñentes”. Os músicos que debutarán son Carmen, Carolina, Cris, Gonzalo e María. Para rematar o director da Banda de Música Municipal de Ribadeo comentou: “esperamos que sexa do agrado do público o concerto que temos preparado e animo a toda a xente a que acuda ao Cine Teatro este sábado 22 ás oito e media da tarde”.