
A creación contemporánea e o coñecemento artesanal das redeiras de Burela conxúganse no proxecto artístico titulado Facer territorio atando cabos, de Irene Trapote e Sergio Marey, impulsado pola Rede Museística Provincial. A deputada provincial de Cultura, Iria Castro; o tenente alcalde de Burela, Marío Pillado; e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero; acompañados pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; visitaron a nave de redes do porto de Burela, onde artistas e redeiras comparten xornadas de traballo co obxectivo de crear unha obra artística. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo explica que “o proxecto concibe o proceso creativo como un acto de escoita e produción conxunta no que a artista e as redeiras traballan en horizontalidade, e que contará con diferentes fases. A primeira, que se desenvolve nestes días, céntrase na recollida de testemuños orais e documentación gráfica e audiovisual. As redeiras tamén poderán participar na creación e produción da peza final, que se inaugurará o 17 de xuño no Museo do Mar de San Cibrao”.
A Vicepresidencia da Deputación engade que “o proxecto reivindica o valor dos oficios feminizados, historicamente relegados ao ámbito doméstico ou considerados complementarios, e propón unha lectura feminista do traballo manual vinculado ao mar. As redeiras aparecen como portadoras dun coñecemento artesanal que forma parte do ADN cultural e emocional da Mariña. Enmárcase dentro do programa Soterradas, da Rede Museística, que inclúe diversas intervencións artísticas e proxectos expositivos centrados en visiblizar vidas, historias e prácticas silenciadas, fundamentalmente femininas, nos museos provinciais”.


