Olivia Canoura presenta o seu libro “Fibromialgia, conversaciones en blanco” en Foz o 18 de setembro

A Libraría Bahía, de Foz, acollerá a presentación do libro titulado Fibromialgia: conversacións en branco, de Olivia Canoura Rozas. Será o vindeiro 18 de setembro, venres, ás 20:30 horas, nun acto aberto ao público que “pretende ofrecer un espazo de encontro, reflexión e sensibilización arredor da realidade das persoas que conviven coa fibromialxia”, explica a organización, que anuncia tamén que a autora estará acompañada por Marta Otero Pintos, presidenta da Asociación Galega de Fibromialxia, e por Elena Dablanca, psicóloga, que “achegarán a súa visión profesional e experiencial sobre unha doenza que afecta a milleiros de persoas e que continúa precisando dunha maior comprensión social”.

Fibromialgia: conversaciones en blanco é unha obra que “pon no centro a experiencia das persoas que conviven coa dor crónica, a incomprensión e os retos cotiáns asociados á fibromialxia. A través dun enfoque íntimo e humano, o libro convida á reflexión sobre a importancia de escoitar, comprender e acompañar a quen sofre esta enfermidade, ofrecendo un relato que busca tender pontes entre pacientes, familiares e sociedade”, engade Libraría Bahía.

Olivia Canoura Rozas é escritora e autora de diversas publicacións literarias. Na súa traxectoria figuran obras como Los hilos del destinoRosas Sangrientas e Mientras dure la noche, “mostrando unha vocación creativa centrada nas emocións, as vivencias persoais e as historias de superación”.

A entrada á presentación será libre ata completar aforo.