Foz convértese nun taboleiro de xogo coa escape room ao aire libre que haberá este sábado, 19 de setembro

Foz acollerá este sábado, día 19 de setembro, a última cita de XOGAL 2026, o ciclo de escape rooms ao aire libre que percorreu este verán dez concellos galegos. Baixo o título Coñece Foz a través dos seus murais, a proposta “converterá o paseo marítimo nun gran taboleiro de xogo no que as persoas participantes descubrirán os murais, as esculturas e a memoria mariñeira do municipio mentres resolven enigmas e superan retos. A actividade arrancará ás 11:00 horas no mural Rente ao Mar”, explica a organización deste evento, que engade que “o fío condutor da aventura son as propias figuras do paseo: as que levan anos contando quen é Foz quedaron sen voz, e os equipos deberán devolverlla da man de Kei, a mascota que guía todos os circuítos de XOGAL. O percorrido é circular, de preto de 2,4 quilómetros e trece probas”.

Tamén indican que “para xogar non fai falla ningún coñecemento previo nin descargar ningunha aplicación: a experiencia ábrese directamente desde o navegador do móbil e cada equipo avanza ao seu ritmo. Pódese participar en familia, en parella ou en cuadrilla, e a proposta está pensada tanto para veciñanza como para visitantes. Ao remate haberá premios para os equipos gañadores e sorteos entre as persoas participantes. Só fai falta o móbil cargado e calzado cómodo. Tras o evento de estrea, a experiencia quedará activa durante un mes, para que veciñanza e visitantes poidan xogala gratuitamente ao seu propio ritmo”.

XOGAL é un proxecto impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla, en colaboración con Escapeo, co obxectivo de achegar a dinamización cultural e turística a municipios do rural galego poñendo en valor o seu patrimonio a través do xogo. Antes de Foz, o ciclo pasou por Cervo, Lourenzá, Guitiriz, Negueira de Muñiz, Monterroso, Meira, A Fonsagrada, Castro de Rei e Taboada.