Acisa Ribadeo organiza un obradoiro infantil sobre o comercio local o 23 de xuño. A actividade é gratuíta.

ACISA Ribadeo organiza o vindeiro sábado, día 23, un obradoiro de aprendizaxe sobre o comercio local dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. A actividade, que será gratuíta e se desenvolverá de 11:30 a 14:00 horas, terá lugar no centro de ocio infantil Con Sentidiño, asociado a ACISA Ribadeo, na rúa Ramón González, 32-baixo.

Segundo explica o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, “o programa Xoga e Aprende con ACISA Ribadeo lévase a cabo co fin de ensinar aos máis pequenos a importancia de mercar no comercio local e as diferenzas que hai cando mercas no teu pobo con outras formas de comprar . Grazas aos profesionais do centro infantil, a actividade será moi dinámica, divertida e dará a oportunidade aos participantes de aprender moito sobre o comercio local”.

A xornada dará comezo no local de ocio infantil onde se preparará aos nenos e nenas para saír á rúa a visitar diferentes comercios de Ribadeo, para que poidan observar de primeira man as vantaxes de mercar no comercio de proximidade, e a diferenza de facer as compras no comercio local e en internet, onde non é posible nin tocar, nin ulir, nin probar no momento.

No centro reproducirase ademais un pequeno mercado con diferentes tendas nas que os nenos e nenas xogarán a comprar e vender, e onde se lles ensinará a importancia da boa atención e a calidade do comercio de proximidade. Neses espazos mostraráselles as desvantaxes de mercar por internet facéndolles ver como funciona a compra online, onde pagas antes de ter o produto e tes que esperar a recibilo na casa, ademais dos problemas derivados da contaminación e os custes de transporte.

Iriarte subliña que “esta actividade é moi importante para a nosa asociación xa que debemos ensinar desde pequenos aos nenos e nenas as consecuencias que teñen os seus actos como mercar por internet a grandes marcas. Trátase dunha xeración que naceu con internet e hai que presentarlle tanto o bo como o malo”.

ACISA anima “a todos os pais e nais a levar aos seus fillos xa que se divertirán á vez que aprenden, e ademais os papás e as mamás poderán ese sábado gozar dunha mañá de compras sen preocuparse polos pequenos da casa”. 

A actividade inclúese nas iniciativas que durante o ano leva a cabo ACISA para poñer en valor o pequeno comercio.