Boimente, en Viveiro, celebra a 55ª Rapa das Bestas de Candaoso este domingo, 5 de xullo

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que promocionará a carne de poldro de Pura Raza Galega da rapa das bestas de Candaoso, en Boimente, no concello de Viveiro, que se celebrará o 5 de xullo.

A través do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto, a área dirixida polo deputado provincial Daniel García ofrecerá unha degustación de hamburguesas de poldro, “poñendo en valor a cría de cabalos en liberdade nos montes de Buio e Lerín como actividade produtiva e provedora de alimentos de calidade”.

Na presentación desta colaboración, Daniel García destacou que “a rapa de Boimente é unha mostra da importancia que o cabalo ten na configuración da cultura, da paisaxe e da actividade gandeira na Mariña” e explicou que “o obxectivo destas actividades de degustación é contribuír á continuidade desa gandería en extensivo e comprometida coa conservación das razas autóctonas buscando saídas comerciais para os seus produtos”.

A rapa de Candaoso, de Interese Turístico, chega este ano ás cincuenta e cinco edicións, “dando continuidade a unha tradición que se vive arredor do curro, onde as aloitadoras e aloitadores cortan as crins e identifican os cabalos”. Ademais, durante a  tarde, celebraranse diferentes carreiras e competicións de andadura -serrada e chapeada- nas que se repartirán preto de 3.000 euros en premios nas distintas categorías.