CCH Viveiro ten en marcha a campaña “Ruta do Comercio con Amor”, que repartirá diferentes premios o 19 de febreiro

A Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro pon en marcha ten en marcha a campaña denominada Ruta do Comercio con Amor, que repartirá fantásticos premios. “Baixo o lema Namórate do Comercio Local Mercando aquí lanzamos esta campaña de dinamización comercial que comezou este luns, 2 de febreiro, e rematará o 19 deste mes”, explica o CCH Viveiro, que engade: “os interesados en participar na Ruta do Comercio con Amor poderán recoller en calquera negocio asociado o Pasaporte do Comercio, onde figuran 10 casillas para completar con selos de establecementos diferentes. Por cada compra realizada entre o 2 e o 19 de febreiro en calquera negocio asociado, estamparase un selo en dito pasaporte. O obxectivo é conseguir a maior cantidade de selos de diferentes negocios”.

Tamén anuncia que “o día 19 de febreiro en horario de 17 a 20 horas instalarase unha carpa na Praza Maior onde haberá dúas urnas diferentes nas que depositar os pasaportes: unha para os que teñan acumulados 5 selos de diferentes establecementos (identificada como Urna 5 Selos) e outra para os que acumulasen 10 selos (identificada como Urna 10 Selos). Sortéanse 5 sesións de Bono Relax no Thalasso Resort Las Sirenas, para aqueles pasaportes que teñan seladas mínimo 5 casillas. Para os que completen os pasaportes cos 10 selos distintos sortéase unha experiencia nas Burbuxas de Luzada Skylight Bubbles. Será un único gañador e o premio inclúe estancia dunha noite para dúas persoas, con jacuzzi exterior, almorzo e algunha sorpresa máis. O sorteo realizarase o 19 de febreiro de 2026 ás 20:15 horas nas oficinas da Asociación. A xunta directiva do CCHV extraerá 5 gañadores da urna de 5 selos, e 1 gañador da urna de 10 selos. O sorteo será gravado para garantir a transparencia do proceso e posteriormente publicado nas redes sociais do CCHV. Contactarase telefonicamente cós gañadores nun prazo máximo de 48 horas tralo sorteo. Se non é posible contactar con algún gañador tras tres intentos, procederase a extraer un novo pasaporte suplente”.

O Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro remata comentando que a finalidade deste sorteo é “a promoción das compras no mes de febreiro no comercio local, facer un sorteo divertido e de paso botar unha man a todos aqueles despistados/as que se lles pase o detalliño destas datas, e así podelo solucionar con algúns destes premios. Ó longo deste días ambientaremos as rúas con música romántica a través do fío musical instalado por todo o centro de Viveiro. Animamos á xente a participar no sorteo, mercar en Viveiro, pasear polas rúas desfrutando do seu ambiente, e da nosa hostalaría. Porque en Viveiro Namorámonos do comercio local, un comercio profesional e cun trato persoal, e sobre todo un comercio que da vida á nosa vila. Esta iniciativa conta ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos baixo a marca Comercio Galego”.